Esforzámonos en transferir o coñecemento xerado á sociedade, colaboramos con confrarías de pescadores, empresas ou entidades de protección ambiental e traballamos para que as nosas ideas se convirtan en novos ou mellores produtos.

O mar ten sido historicamente fonte de riqueza e de novos retos para Galicia, o mar está gravado na nosa identidade social e as actividades relacionadas co mar foron sempre motores da nosa economía. No contexto global, a competitividade da economía galega, debe necesariamente basearse na oferta de productos e servicios de alto valor, que se destaquen pola súa alta tecnoloxía e calidade. Este modelo só é posible coa promoción dun modelo económico baseado no coñecemento, no que os actores de xeración de coñecemento deben dispor dos mecanismos e deben ser activos na transferencia dese coñecemento aos sectores productivos, as administracións e á sociedade.
A importancia do mar para a sociedade e a economía galega, queda perfectamente recollida na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia), tal e como se recolle en todas as súas prioridades (alimentación, saúde, enerxía, turismo, transporte, comercio, industria naval, etc.), todas elas totalmente aliñadas coas liñas estratéxicas de investigación do noso Centro.
Por todo isto, unha das tres liñas nas que se centra a misión do CIM é a de promover a transferencia do coñecemento xerado para beneficio da sociedade, fomentando a colaboración entre os nosos investigadores e empresas, administracións públicas ou calquera outra entidade ou institución que poda sacar partido a ese coñecemento en beneficio da sociedade en xeral e da sociedade galega en particular.
Así, poñemos ao servizo da sociedade todo o noso potencial científico e tecnolóxico, equipos, infraestruturas e todos os nosos recursos de I+D+i que se poden consultar no noso Catálogo de servizos.
Xornadas de portas abertas para empresas e entidades colaboradoras
A colaboración co CIM pode ofrecer novas oportunidades a entidades públicas, privadas, e mesmo a persoas comprometidas co futuro dos océanos e a sostibilidade. Por iso, o CIM organizou en 2023 as Xornadas de Portas Abertas para empresas e entidades colaboradoras, un evento pensado para fortalecer a cooperación entre o ámbito investigador e o tecido empresarial. Baixo o lema “Construíndo xuntos a economía azul”, este encontro reuniu representantes de empresas líderes dos sectores mariño, enerxético, biotecnolóxico e ambiental co obxectivo de explorar novas vías de colaboración que permitan afrontar os desafíos da economía azul e contribuír ao desenvolvemento sostible de Galicia.
A xornada incluíu visitas guiadas á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT), cócteles de traballo para facilitar o networking e paseos científicos pola Ría de Vigo, creando un espazo único para o intercambio de coñecemento e a creación de alianzas estratéxicas. Este encontro é unha plataforma para explorar vías de colaboración futura, onde se poida discutir e planificar conxuntamente como abordar os desafíos que enfronta tanto a economía como a sociedade galega.
Ademais, por esta actividade, o CIM recibiu o Premio IPFest 2024 á Comunicación da Transferencia de Coñecemento, un recoñecemento que destaca a excelencia na divulgación e comunicación de iniciativas deste tipo. A xornada foi recoñecida como unha iniciativa de referencia pola súa capacidade para comunicar como o coñecemento científico se pode traducir en solucións prácticas que responden as necesidades do sector da economía azul.