A creación de empresas de base tecnolóxica é unha das fórmulas máis eficientes para transferir o coñecemento xerado pola investigación aos tecidos productivos e á sociedade en xeral

Environmental Physics Technologies S. L. (EPHYTECH)

Empresa de base tecnolóxica que xorde do grupo de investigación de Física Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Esta empresa baséase na transferencia da investigación básica realizada en diferentes ámbitos da física e a enxeñería ao tecido empresarial.

A compañía conta cun equipo humano multidisciplinar apoiado por tecnoloxía innovadora, o que lle permite abarcar unha ampla gama de proxectos en distintos sectores: enxeñería marítima, civil, enerxías renovables, estudos ambientais, estudos de efectos do cambio climático e desenvolvemento de software de simulación de fluídos.

Planesga

Empresa que xorde do grupo de Avaliación Ambiental Estratéxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, centrado na investigación ambiental e territorial, conformado con vocación integradora por persoal de distintas disciplinas dentro das ciencias da terra e as ciencias sociais, .

Un dos aspectos máis innovadores desta empresa é o desenvolvemento dunha metodoloxía propia para a Avaliación Ambiental Estratéxica (avaliación de Plans e Programas), regulada pola Directiva 2001/42/CE e posterior transposición ao ordenamento xurídico español mediante a actual Lei 21/2013 do 9 de decembro de Avaliación Ambiental.