Dar a coñecer á sociedade o que facemos, como o facemos e porque o facemos é un dos maiores retos que temos. Queremos compartir a nosa paixón e respecto polos nosos mares e océanos contribuíndo ao seu coñecemento, coidado e protección.

Persoas asistentes a unha das edicións de Xornadas de portas abertas no noso Centro

Ano tras ano o Centro e todo o persoal que o conformamos traballamos nunha manchea de proxectos. Estes labores e investigacións producen resultados de interese para toda a sociedade. Procuramos facer cada día un maior esforzo por difundir os estudos que realizamos –a evolución tecnolóxica axuda– mais segue sendo escasa a información que chega ata o público en xeral, quedando a maior parte dispoñible tan só para os investigadores e as investigadoras con acceso ás revistas científicas. Conscientes de que o único e  mellor xeito de conservar o mar é coñecelo, comprendermos o seu funcionamento, a súa biodiversidade e as ameazas que sofre, teimamos no noso compromiso de contar o que facemos, como o facemos e porque o facemos.

Para materializar este obxectivo e fomentar o interese pola ciencia en xeral, o noso Centro organiza conferencias científicas, xornadas de traballo, visitas e diversas actividades de concienciación e divulgación (portas abertas, ciencia cidadá, limpeza de praias e fondos mariños, exposicións etc.), todas elas abertas tanto a científicos e profesionais do sector do mar como a escolares, asociacións ou público en xeral. Ademais, o noso traballo pode ser seguido nas nosas webs e redes sociais.

Últimas informacións relacionadas coa divulgación

Ver máis