A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) é a principal infraestrutura de investigación mariña do CIM e da Universidade de Vigo.

A ECIMAT é un Centro de Apoio á Investigación da Universidade de Vigo e ofrece instalacións de vangarda a pé de mar e servizos científico/técnicos especializados a calquera entidade pública ou privada interesada na investigación mariña.

Situada na marxe Sur da Ría de Vigo, ofrece laboratorios e equipos de investigación a pé de mar, plataformas tecnolóxicas para a investigación mariña, subministro de recursos biolóxicos mariños, procesado e análise de mostras de auga, sedimentos e organismos mariños e acceso aos ecosistemas das rías, así como calquera outro servizo de apoio á investigación mariña que sexa acordado co persoal da estación. A vocación de servizo, o apoio ao persoal usuario da infraestrutura, a flexibilidade e a mellora continua son as señas de identidade da ECIMAT, que conta cun sistema de xestión da calidade certificado conforme á norma ISO 9001:2015.

A ECIMAT é un elemento clave na estratexia de internacionalización do CIM, participa en numerosas iniciativas internacionais, entre as que destaca a súa participación como unha das dúas estacións mariñas que integran o nodo español da infraestrutura europea EMBRC-ERIC.