Business2Sea é un evento internacional centrado no desenvolvemento de proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar. Impulsado pola asociación portuguesa Fórum Océano e o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), esta cita ía celebrarse por primeira vez en Vigo pero a situación sanitaria derivada da covid-19 obrigou a optar por un formato virtual. O simposio, con preto de 600 participantes, arrancou onte luns, coincidindo co Día Nacional do Mar en Portugal, e estenderase ata o venres. Ao longo destas cinco xornadas a Universidade de Vigo, a través do CIM e do Campus do Mar, presentará varios dos seus proxectos relacionados coa economía mariña como Sherpa do Mar, o European Blue Biobank, MarRisk ou Algalup.
Sherpa do Mar, na primeira xornada
A xornada inaugural deste luns incluía un workshop que, baixo o título Towards a pact for skills in the maritime technology industry, se centrou na economía azul e as necesidades de sectores como a construción naval, o transporte marítimo e as enerxías renovables. Entre as iniciativas presentadas estivo o proxecto Sherpa do Mar, impulsado polo grupo REDE, o Campus do Mar e a Oficina de I+D liderando un consorcio no que participan as universidades de Porto, Coruña e Santiago, xunto con Ciimar, Uptec, Zona Franca de Vigo, Fundação Fórum Oceano e Gain. O obxectivo xeral de Sherpa do Mar é poñer en marcha unha nova rede transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal para dinamizar a creación e consolidación de novas actividades empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo. Na presentación, da man da investigadora Andrea Ogando, do grupo Rede, analizouse a relevancia da cooperación transfronteiriza na identificación de necesidades no emprendemento do ámbito mariño-marítimo e as sinerxías no ecosistema de apoio ao emprendemento.
Ademais, na xornada do luns participou tamén o investigador da UVigo Kais Jacob Mohamed Falcon nunha sesión paralela sobre as prioridades para unha estratexia de capacitación exitosa nos ecosistemas industriais marítimos, como a enerxía renovable en alta mar, a construción naval ou o transporte marítimo.
A seguinte cita coa UVigo neste foro será mañá mércores, cando o profesor Luis Domínguez participará nun taller sobre a relevancia da dimensión mariña nos instrumentos de programación transfronteiriza da eurorrexión Galicia-norte de Portugal.
O xoves, tres proxectos do CIM
O xoves será o Centro de Investigación Mariña da UVigo o que teña unha presenza destacada no marco do Business2Sea, con tres workshops centrados noutros tantos proxectos que coordina ou nos que participa o CIM.
Precisamente como coordinador do proxecto EBB, o CIM organiza o obradoiro Do not be a biopirate: the European Blue Biobank can help you use marine genetic resources legally, que se celebrará a partir das 9.30 h. O obxectivo principal deste taller é informar e sensibilizar sobre as obrigas existentes no acceso e uso de recursos xenéticos, derivadas do Protocolo de Nagoya (2010) e as regulacións asociadas, presentando unha serie de casos baseados na experiencia adquirida polo proxecto EBB, dirixido por Jesús Souza Troncoso (Ecocost, CIM). Durante o obradoiro presentarase da man de Fiz da Costa (CIM) un dos resultados do proxecto, unha Guía paso a paso para usuarios de recursos xenéticos mariños e se discutirá sobre as leccións aprendidas nunha mesa redonda moderada por Belén Martín (CIM).
Durante o segundo obradoiro do xoves, a partir das 12.30h, presentaranse os resultados do proxecto MarRISK, da man de representantes de diferentes entidades socias, como Cetmar, IIM-CSIC e as universidades de Vigo, Aveiro e Minho. Cofinanciado polo programa Poctep e coordinado na UVigo por Ramón Gómez Gesteira (Ephyslab, CIM), o seu obxectivo era avaliar os riscos costeiros máis relevantes asociados ao cambio climático. Os resultados presentados neste obradoiro axudarán a mellorar a capacidade de adaptación e resposta das comunidades costeiras da eurorrexión para afrontar e mitigar estes riscos e as súas consecuencias. Entre outros estudos, Carlos Rodríguez, do grupo REDE presentará unha análise sobre o aumento da resiliencia nos portos, centrándose no da Coruña.
A partir das 16.30 h dará comezo o último obradoiro da tarde no que participa a Universidade de Vigo no que se presentarán algúns dos resultados do proxecto Algalup-Alternativa integral para a explotación de macroalgas en Galicia e Portugal, coordinado por Anfaco-Cecopesca e no que participan o CIM e outras seis entidades (University Medical CenterSchleswig-Holstein, CTAQUA, Universidade da Coruña e Universidade de Açores, Bantry Marine Research Station Ltd, AquaTT– Intrigo). Baixo o título Knowledge transfer opportunities on macroalgae exploitation, o consorcio deste proxecto propón un obradoiro destinado a afondar na comprensión dalgúns resultados de investigacións recentes do proxecto e establecer vínculos que favorezan a captación de resultados de investigacións anteriores e futuras. Un panel de expertos debaterá sobre como aproveitar ao máximo a explotación de macroalgas. O worskshop será moderado por Jesús S. Troncoso, investigador do CIM e profesor da Universidade de Vigo.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI