O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVIGO) é o elemento central da estratexia mariña da Universidade, e constitúe un polo interdisciplinar de referencia aos niveis local, estatal e internacional no ámbito da xeración e transferencia do coñecemento do mar.

Somos un dos 5 Centros Singulares de Investigación de Galicia, e aspiramos a convertirnos nunha referencia Europea e líder na EuroRexión Galicia-Norte de Portugal en Investigación Mariña, centrando a nosa misión na xeración de coñecemento de excelencia en ciencia mariña, na transferencia dese coñecemento para beneficio da sociedade, e na internacionalización da actividade investigadora da Universidade de Vigo no ámbito do mar.

A nosa organización e masa crítica investigadora posibilitan unha maior proxección internacional da Universidade de Vigo, facendo visible nunha única marca a capacidade de produción de coñecemento no ámbito do mar e actuando como xanela única da Universidade no proceso de transferencia de I+D+i cara os sectores empresariais mariños e marítimos, o que nos converte nun foco de atracción de talento a escala internacional.

Instalacións do CIM na Illa de Toralla

O noso centro está integrado por 15 grupos de investigación, un conxunto de máis de 200 persoas que se distribúen do seguinte xeito:

80

Persoal investigador permanente

25

Persoal investigador postdoutoral

80

Persoal investigador predoutoral

30

Persoal técnico e de xestión

No CIM-Uvigo dispoñemos das capacidades e equipamentos de investigación necesarios para tomar aproximacións multifocais e explotar sinerxias para abordar estudos mariños a gran escala que dean resposta aos complexos problemas cos que se enfrenta o mar. O CIM-UVIGO é unha referencia internacional en ámbitos como a Observación oceánica e o Cambio global, a Ecotoxicoloxía mariña, a Explotación sustentable dos recursos mariños e a Xestión integral da zona costeira.

Na Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, o noso centro conta cunhas infraestruturas únicas a nivel mundial para investigar en acuicultura, sobre efectos do cambio climático no medio mariño ou desenvolver novas solucións biotecnoloxícas de orixe mariña.

A Universidade de Vigo e o Mar

Pequenos rodaballos
Crías de rodaballo

Os estatutos da UVigo establecen como obxectivos acadar as máximas cotas de calidade investigadora e dedicar especial atención ao estudo da cultura e o medio natural de Galicia mediante programas específicos de investigación que respondan aos seus problemas concretos, promovendo a investigación como medio para o desenvolvemento científico e cultural da sociedade. 

Vigo e Galicia estiveron sempre ligadas ao mar. O mar ten sido historicamente fonte de riqueza e de novos retos, o mar está gravado na nosa identidade social e as actividades relacionadas co mar foron sempre motores da nosa economía. Neste contexto, a unión entre a Universidade de Vigo e o mar é indiscutible, a institución é una referencia internacional en formación e investigación mariñas e lidera o Campus de Excelencia Internacional no ámbito das Ciencias e Tecnoloxías do Mar.