O galardón foi outorgado pola actividade “Embárcate co CIM: edición empresas e entidades colaboradoras” celebrada o pasado mes de xuño
O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) foi galardoado co Premio IPFest 2024 á Comunicación da Transferencia de Coñecemento, un recoñecemento que destaca a excelencia na divulgación e comunicación de iniciativas deste tipo. Este premio foi outorgado pola actividade “Embárcate co CIM: edición empresas e entidades colaboradoras”, celebrada o pasado mes de xuño e coa que se buscaba conectar o coñecemento científico xerado no CIM cos sectores produtivos e sociais vinculados coa economía azul, promovendo un impacto positivo no tecido empresarial e na sociedade. O premio foi entregado pola directora técnica da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, Ángeles López Lozano, que recibiu en 2023 o premio IPFest á traxectoria profesional no ámbito da transferencia.
O IPFest é un evento nacional de carácter profesional que celebrou onte en Madrid a súa terceira edición, ao tempo que paralelamente se organizaban eventos noutras dez cidades españolas, entre elas Santiago de Compostela. A iniciativa busca recoñecer distintas actuacións de transferencia en diversos sectores, centros de investigación e universidades españolas, fortalecendo o vínculo entre o ámbito académico e o sector produtivo. No mesmo, reuníronse profesionais do ámbito da transferencia de coñecemento, incluíndo persoal investigador, xestores, emprendedores e representantes da administración pública.
A actividade “Embárcate co CIM: edición empresas e entidades colaboradoras” foi recoñecida como unha iniciativa de referencia pola súa capacidade para comunicar como o coñecemento científico se pode traducir en solucións prácticas que responden as necesidades do sector da economía azul.
Este recoñecemento reforza o compromiso do CIM coa transferencia, eixo fundamental para a conexión entre a investigación e a sociedade. O director do CIM, Daniel Rey, durante o evento “agradeceu o esforzo que tanto o equipo de transferencia e comunicación do CIM como o persoal investigador do centro realiza para facer chegar á sociedade e, particularmente, ás empresas o coñecemento de excelencia que se realiza desde as universidades”. Daniel Rey tamén agradeceu á oficina de I+D da Uvigo “o apoio que sempre ofrecen non só para este tipo de iniciativas, senón para todo o que teña que ver coa transferencia do noso traballo”.
Fonte: DUVI