A ECIMAT presta servizos de laboratorio que abranguen dende a toma de mostras ata o seu procesado e posterior análise. A mostraxe pode ser realizada polo usuario ou polo persoal do centro.

A ECIMAT dispón do persoal técnico especializado e dos equipos necesarios para realizar procesado histolóxico de tecidos, liofilización, extracción, concentración e purificación de mostras de organismos mariños, análise de mostras de auga, sedimento ou material biolóxico e bioensaios ecotoxicolóxicos.

O servizo de procesado histolóxico de mostras comprende dende a disección das mostras ata a súa fixación, impregnación en parafina, corte e tinción. O usuario pode solicitar tanto o procesado completo como algunha das súas fases de forma aillada.

As análises de mostras comprenden determinacións analíticas da auga, tanto de parámetros físico-químicos (pH, temperatura, salinidade, conductividade, osíxeno disolto, fosfatos, amonio, sólidos en suspensión, metáis disoltos etc.) como biolóxicos (demanda biolóxica de osíxeno, presencia de coliformes etc.), análise de mostras de sedimento (determinacións analíticas de carbono orgánico total, materia orgánica mediante calcinación, hidrocarburos policíclicos aromáticos en sedimentos etc.) e análise de material biolóxico (análise de presencia de E. coli e/ou coliformes totais e análise de PAHs ou outros compostos en organismos mariños). Máis información sobre análise de mostras.

O persoal da Estación conta ademáis cunha ampla experiencia na realización de bioensaios ecotoxicolóxicos. Aínda que existen diferentes tipos de bioensaios e diferentes organismos modelo, os bioensaios máis habituais son os de crecemento de microalgas mariñas (Isochrysis galbana), embrións de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) ou embrións de bivalvos (Mytilus galloprovincialis), bioensaios de supervivencia de misidáceos (Syriella armata), copépodos (Acartia clausi e Tisbe bataggliai) ou anfípodos (Corophium) e bioensaios de inhibición da biolumisniscencia (Vibrio fischeri) (mediante uso do Microtox). Máis información sobre bioensaios ecotoxicolóxicos.

Para consultar as características destes servizos ou realizar a unha solicitude pulsar no vínculo Solicitar un servizo e seleccionar o servizo desexado.

Para solicitar outro ensaio dos arriba indicados ou facer algunha consulta destes servizos envíe un correo ao persoal da ECIMAT:

 

Nota: O SERVIZO DE PROCESADO E ANÁLISE DE MOSTRAS ATÓPASE CERTIFICADO CONFORME Á NORMA ISO 9001:2015.