Desde o servizo de laboratorio da unidade de calidade ambiental da ECIMAT realizamos a determinación de parámetros físico-químicos e microbiolóxicos mediante o ensaio de mostras tanto ambientais como mostras procedentes de tanques de cultivo de organismos, ou resultantes do desenvolvemento de procesos experimentais.

Análise de mostras

Na  ECIMAT dispoñemos das instalacións apropiadas para a realización dos ensaio de mostras. Ademais, contamos cun equipo de traballo multidisciplinar formado por técnicos e investigadores todos eles titulados superiores, con ampla traxectoria na realización de estudos que implican a realización de bioensaios e outras técnicas relacionadas co ámbito da calidade ambiental e a contaminación mariña.

O cumprimento destas liñas de traballo baséase na a implantación de procedementos estandarizados que alcanzaron a certificación de calidade ISO 9001:2015, que á súa vez están baseados en protocolos adoptados por organismos recoñecidos internacionalmente (ISO, UNE, APHA, etc.).

Oferta de ensaios estandarizados dispoñible:

  • Análise de augas: determinacións analíticas de auga, tanto de parámetros físico-químicos (pH, Temperatura, Salinidade, Conductividade, Osíxeno Disolto, fosfatos, amonio, sólidos en suspensión, metáis disoltos, etc.) como biolóxicos (demanda biolóxica de osíxeno, presencia de coliformes, etc.).
  • Análise de sedimento:determinacións analíticas de Carbono Orgánico Total, materia orgánica mediante calcinación, Hidrocarburos Policíclicos Aromáticos (PAHs) en sedimentos, etc.
  • Análise de material biolóxico: análisis de presencia de E. coli e/ou coliformes totais e análisis de PAHs ou outros compostos en organismos mariños.

O servizo de análise de mostras enmárcase dentro do Sistema de Xestión de Calidade

A  ECIMAT dispón dun Sistema de Xestión Calidade, certificado por Bureau Veritas, no que se atopan implantados os requisitos do  referencial internacional estándar  ISO 9001:2015 cuxo alcance de certificación, inclúe a realización de bioensaios para a caracterización  ecotoxicológica de mostras ambientais e substancias químicas.

O sistema de calidade asegura unha correcta xestión das mostras garantido a súa  trazabilidad e a súa conservación e manipulación mediante a aplicación de procedementos amplamente contrastados e  auditados. Así mesmo, a aplicación de protocolos xerais do sistema de calidade permite un control absoluto sobre a documentación e os rexistros mediante un correcto tratamento e almacenamento dos datos.

Na entidade dispoñemos tamén de procedementos e instrucións técnicas aplicables para o control da infraestrutura sobre a que aplican estritos plans de mantemento e calibración e verificación, o que permite a súa utilización con garantía de calidade.

Adicionalmente á calidade xeral de todo o proceso de execución dos traballos, desenvolveranse mecanismos destinados ao aseguramento da calidade dos resultados. O programa de aseguramento da calidade dos resultados obtidos na realización dos bioensaios baséase nos criterios descritos na norma UNE EN –  ISO 17025 que define os Requisitos xerais para a competencia dos laboratorios de ensaio e calibración.