O martes 22 de xaneiro deu comezo na ECIMAT a IX edición do ciclo de conferencias Café con Sal. O acto de inauguración contou con dúas ponencias: “Where do your data fit in the European marine data landscape?”, impartida por Belén Martín, Doutora en Oceanografía pola Universidade de Vigo e xestora de proxectos do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), e “Ascidians under Ocean Warming and Acidification“, impartida por Tiago Repolho, investigador postdoutoral do Centro de Ciências do Mar e do Ambiente (MARE, Universidade de Lisboa).
Na primeira relatorio, Belén Martín, experta en redes e observatorios mariños, presentou unha visión xeral do panorama europeo de datos mariños, tratando de arroxar un pouco de luz na maraña de inciativas, proxectos, programas de financiamento, infraestruturas de observación, bases de datos e redes mariñas existentes, desde unha escala global ata unha escala rexional, centrándose nalgunhas das iniciativas europeas máis importantes (EuroGOOS, SeaDataNet ou EMODnet) e poñendo como exemplo o observatorio oceanográfico transfronterizo RAIA, no cal traballa na actualidade no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Coa súa relatorio, Belén resaltou a importancia dun cambio de actitude cara os datos obtidos en investigación: dende “datos que pertencen aos científicos e que serven para facer publicacións” aos “datos que pertencen á sociedade e poden ter múltiples propósitos”, co obxectivo de mostrar como os datos non se quedan tan só nun número dunha publicación, senón que é posible que teñan máis usos e máis impacto.
Trala pausa para o café, tivo lugar a conferencia de Tiago Repolho. Durante a súa charla, Tiago Repolho, quen investiga as respostas biolóxicas dos organismos mariños fronte a situacións de estrés, presentou os efectos do quentamento e acidificación oceánica sobre os organismos mariños baixo un contexto de interacción (sinerxía, acumulación ou antagonismo). Coa colaboración de varios investigadores das Universidades de Lisboa (Portugal), Gothenburg e Uppsala (Suecia), Tiago pretende proporcionar unha visión integrada co fin de desenmarañar e comprender o potencial evolutivo das especies para adaptarse ás consecuencias do cambio climático, empregando a ascidia Ciona intestinalis como modelo biolóxico. A conferencia enmárcase dentro do proxecto “ASCEND” financiado por ASSEMBLE PLUS.
As conferencias tiveron lugar ás 11.00h e 12:15h no salón de Actos da ECIMATe foron retransmitidas en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html estando actualmente dispoñibles no seguinte enlace.
Vídeos
- Presentation of the IX Café con Sal conference cycle Antonio Villanueva, CIM-UVigo
- Presentation of Belén Martín Alba Hernández, CIM-UVigo
- Where do your data fit in the European marine data landscape? Belén Martín, CETMAR
- Where do your data fit in the European marine data landscape? - Questions time Belén Martín - CETMAR
- Presentation of Tiago Repolho Alba Hernández, CIM-UVigo
- Ascidians under Ocean Warming and Acidification Tiago Repolho, Marine and Environmental Sciences Centre, Universidade de Lisboa
- Ascidians under Ocean Warming and Acidification. Questions Tiago Repolho, Marine and Environmental Sciences Centre, Universidade de Lisboa