A empresa Ocean Secrets acaba de realizar a doazón de dúas boias para recollida de datos telemétricos ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Este tipo de boias permiten o seu seguimento por satélite, proporcionando en todo momento información sobre a súa posición así como doutros parámetros ambientais. As boias serán incorporadas ao equipamento da unidade de oceanografía da ECIMAT, polo que estarán dispoñibles para todos o persoal investigador do CIM-UVigo e os usuarios da ECIMAT.
O uso de boias telemétricas é cada vez máis xeneralizado en oceanografía, xa que permite o seguimento e estudo de masas de auga durante períodos prolongados de tempo. Esta propiedade débese á gran autonomía destes equipos e á súa capacidade de transmitir información desde calquera punto. Isto fai que sexan unha ferramenta moi valiosa para os estudos de circulación oceánica. Ademais, nos últimos anos, estas boias incrementaron as súas aplicacións, xa que son capaces de albergar diferentes sensores que proporcionan de maneira simultánea información ambiental. Isto permite non só coñecer o movemento das masas de auga, senon tamén caracterizalas durante períodos prolongados de tempo.
Por estas razóns, o uso da telemetría é cada vez máis amplo, xa que permite incrementar de maneira significativa as observacións no medio natural, cun mínimo impacto ambiental e a un custo reducido, se os comparamos coas campañas oceanográficas tradicionais. Así mesmo, permiten incrementar tamén o número de puntos de observación, a frecuencia das medidas e a duración dos períodos de observación, polo que son o complemento ideal para os estudos que se realizan no medio mariño. Debido a todo isto, queremos agradecer a Ocean Secrets por elixir ao CIM-UVigo para esta doazón e pola súa colaboración coa investigación mariña que leva a cabo no Centro.