A creación de empresas de base tecnolóxica é unha das fórmulas máis eficientes para transferir o coñecemento xerado pola investigación aos tecidos productivos e á sociedade en xeral

BlueStructure, S.L.

Bota a andar en 2020 promovida por investigadores do CIM e iniciativa privada. O seu obxectivo é crear solucións de enxeñaría ecolóxica que permitan afrontar o desafío de minimizar o efecto da construción de infraestruturas mariñas, así como combater o cambio climático. BluStructure pode proporcionar ás administracións públicas e ás empresas que desenvolven infraestruturas, ferramentas e recursos de ecoenxeñaría baseados na investigación interdisciplinaria nos campos da ecoloxía, a enxeñaría e a socioeconomía.

Hydrosphere, S.L.

Iniciativa empresarial innovadora creada en 2019 coa participación de persoal investigador do CIM en colaboración coa iniciativa privada, que ten como obxecto crear un laboratorio de estudos ambientais especializado na identificación taxonómica da fauna bentónica de invertebrados e no estudo de parámetros biolóxicos e ambientais, recoñecidos como indicadores clave no seguimento do estado/potencial ecolóxico das augas superficiais, así como unha asesoría global mariña, no que fai referencia a recursos biolóxicos.

Environmental Physics Technologies S. L. (EPHYTECH)

Empresa de base tecnolóxica que xorde do grupo de investigación de Física Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo. Esta empresa baséase na transferencia da investigación básica realizada en diferentes ámbitos da física e a enxeñería ao tecido empresarial.

A compañía conta cun equipo humano multidisciplinar apoiado por tecnoloxía innovadora, o que lle permite abarcar unha ampla gama de proxectos en distintos sectores: enxeñería marítima, civil, enerxías renovables, estudos ambientais, estudos de efectos do cambio climático e desenvolvemento de software de simulación de fluídos.

Planesga

Empresa que xorde do grupo de Avaliación Ambiental Estratéxica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, centrado na investigación ambiental e territorial, conformado con vocación integradora por persoal de distintas disciplinas dentro das ciencias da terra e as ciencias sociais, .

Un dos aspectos máis innovadores desta empresa é o desenvolvemento dunha metodoloxía propia para a Avaliación Ambiental Estratéxica (avaliación de Plans e Programas), regulada pola Directiva 2001/42/CE e posterior transposición ao ordenamento xurídico español mediante a actual Lei 21/2013 do 9 de decembro de Avaliación Ambiental.

Aguas de rodas

Constituída en 2019 por profesores titulares dos grupo de investigación de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo. O obxectivo é desenvolver unha liña de produtos para o consumo humano, empregando a auga mariña profunda da ría de Vigo como elemento fundamental e diferenciador.