O martes 21 de xullo retomáronse as conferencias do ciclo Café con Sal. Ante a situación provocada polo COVID-19 e seguindo as medidas anti-contaxio oportunas e as indicacións das autoridades competentes, as conferencias serán realizadas de xeito virtual.
As primeiras poñentes serán Tania Ballesteros e Ana Tubío, investigadoras do grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo, quenes presentarán o relatorio Xestión de recursos pesqueiros: bioloxía do pepino de mar e a navalla na Ría de Vigo e a súa aplicación na xestión pesqueira.
As poñentes presentarán os principais resultados de dous proxectos de investigación financiados pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia: “Estudo da variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla (Ensis magnus) na Ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira” e “Estudo da bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia (Holothuria forskali) na Ría de Vigo”. Ambos proxectos, desenvoltos entre 2017 e 2020, están englobados dentro das accións de investigación lideradas polo Centro de Investigaciones Marinas da Xunta de Galicia (CIMA), levados a cabo en colaboración coa ECIMAT, o grupo de Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo e ANFACO-CECOPESCA.
Na primeira conferencia, Tania Ballesteros (Ecocost, CIM-UVigo), presentou a medida biométrica que resulta máis axeitada para o seguemento da pesqueira, os aspectos do ciclo reproductivo a ter en conta na xestión pesqueira (época de posta, talla de primeira madurez, etc.) e os datos obtidos na ECIMAT sobre o crecemento larvario e xuvenil desta especie.
A continuación, Ana Tubío (Ecocost, CIM-UVigo), presentou os resultados finais do proxecto sobre o estudo da variabilidade espazo-temporal do ciclo reprodutivo da navalla e a súa aplicación á xestión pesqueira na Ría de Vigo, entre os cales se atopan a talla de primeira madurez desta especie e a plataforma desenvolvida no marco deste proxecto, Navalleando, unha aplicación que permitirá adoptar medidas rápidas de xestión tendo en conta a variabilidade do ciclo reprodutivo da navalla.
A conferencia foi retransmitida a través da Sala Virtual do Auditorio Principal do Palacio de Congresos (Campus Remoto da Universidade de Vigo).
O relatorio está dispoñible de forma permanente nos seguintes enlaces.
Vídeos
- Presentación de Tania Ballesteros e Ana Tubío Alba Hernández Otero, CIM-UVigo
- Gestión de recursos pesqueros: Biología del pepino de mar en la Ría de Vigo y su aplicación a la gestión pesquera Tania Ballesteros Otero, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo
- Gestión de recursos pesqueros: Biología de la navaja en la Ría de Vigo y su aplicación a la gestión pesquera Ana Tubío Gómez, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo
- Turno de preguntas Tania Ballesteros Otero e Ana Tubío Gómez, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo