O xoves 16 de novembro ás 11:00 h Rula Domínguez, técnica de investigación do grupo de Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo, presentou o proxecto MARISCO, así como os resultados preliminares da súa tese doutoral coa charla titulada “Shellfish beds in Galicia: prevention of risks caused by extreme events on commercially important bivalves”.
Os efectos previstos do cambio climático para os próximos anos na nosa costa indican un aumento da duración e frecuencia das olas de calor e tamén un aumento na intensidade, frecuencia e duración de chuvias torrenciais. Estes dous fenómenos teñen un grande impacto no ecosistema das rías, e particularmente nos organismos que viven no intermareal e que con mobilidade moi reducida non poden fuxir da abundante escorrentía de auga doce ou do calor intenso nos períodos de marea baixa. Estes efectos nos ecosistemas preocupan aínda máis cando se trata de recursos de elevada importancia económica, como son os bivalvos nas rías galegas. Neste contexto, surxíu o proxecto MARISCO, co obxectivo de estudar estos efectos e crear unha ferramenta de predición que axude na xestión dos recursos marisqueiros.
Rula Domínguez, dirixida por Elsa Vázquez e Celia Olabarria, investigadoras do grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, está a desenvolver a súa tese doutoral dentro do proxecto MARISCO, co obxectivo de explicar como afectan os cambios ambientais previstos co cambio climático nas especies principais dos bancos marisqueiros, pero non só a nivel de mortalidade, senón tamén a nivel subletal (crecemento, reprodución, scope-for-growth ou potencial de crecemento, respiración) co fin de incluír esta información en modelos preditivos para o seu uso na xestión directa das pesqueiras.
Durante a conferencia, a poñente realizou unha presentación xeral do proxecto MARISCO e da súa tese, expoñendo os resultados preliminares dalgúns dos experimentos realizados ata o momento, nos cales estudaron as respostas eco-fisiolóxicas en tres especies de ameixas e no berberecho fronte ás variacións de salinidade e temperatura que suceden nos bancos marisqueiros.
O proxecto MARISCO ten unha axuda do MINECO, CTM2014-51935-R, como a axuda predoutoral de Rula Domínguez (CTM2015-51935-R), e da Xunta de Galicia-FEDER (GRC2013-004). Neste proxecto participan ademais os investigadores Sarah Woodin e David Wethey, financiados pola NASA (NNX11AP77G) e a US National Science Foundation (OCE1129401).
Vídeos
- Presentación Alba Hernández, CIM-UVigo
- Conferencia Rula Domínguez, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo
- Quenda de preguntas Rula Domínguez, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo