Of snails, crabs and waves: a tale of adaptation through the lens of genomics

Etiquetas

O martes 18 de xuño, Francesca Raffini, investigadora posdoutoral do Molecular Ecology Laboratory (University of Sheffield), presentará, nunha nova sesión do ciclo de conferencias Café con Sal, o relatorio “Of snails, crabs and waves: a tale of adaptation through the lens of genomics“, no cal falará das diferentes forzas evolutivas responsables do polimorfismo adaptativo do caramuxo bravo Littorina saxatilis, exemplificando os factores e interacións que favorecen o proceso de especiación en presenza de fluxo xénico en poboacións naturais.

A adaptación e a especiación son procesos moi importantes posto que determinan a diversidade biolóxica e a súa distribución no espazo e no tempo. A especiación require da evolución de barreiras ao fluxo xénico entre poboacións que se atopan diverxendo. Os mecanismos que subxacen a estes procesos son descoñecidos en grande medida, particularmente no caso da diverxencia en presenza de fluxo xénico. Un modelo de estudo moi axeitado para o coñecemento dos factores envoltos na diverxencia adaptativa con fluxo xénico é o caramuxo L. saxatilis. Esta especie intermareal posúe un ecotipo adaptado á forte oleaxe e outro adaptado a predación por cangrexos, e ambos se atopan de forma repetida ao longo da costa como resultado dunha diverxencia adaptativa. Estes ecotipos presentan unha diverxencia ecolóxica, morfolóxica e de comportamento, pero sen embargo atópanse hibridando na zona media do intermareal onde se superpoñen a predación por cangrexos e a exposición ao oleaxe.

Francesca Raffini, en colaboración co Catedrático Roger Butlin (Universidade de Sheffield) e investigadores do CIM-UVigo (incluíndo o Catedrático Emilio Rolán-Alvarez e o Dr. Juan Galindo do ), da Universidade de Gotemburgo e da Universidade de Sheffield, está levando a cabo estudos ecolóxicos de campo combinados coa análise xenómica (low coverage whole genome resequencing) de mostras da zona híbrida de L. saxatilis. O seu obxectivo principal é o de determinar a arquitectura xenómica da adaptación local destes ecotipos e a especiación en presenza de fluxo xénico que está a acontecer de forma paralela nas costas de Suecia e de Galicia. Os estudos realizados na ECIMAT están enmarcados dentro do proxecto “Insights from hybrid zones: testing for habitat choice, divergent selection and genomic architecture in Littorina saxatilis adaptive divergence”, financiado por ASSEMBLE PLUS.

Durante o seu relatorio, Francesca presentará os resultados preliminares sobre a variación fenotípica e xenómica ao longo dos transectos estudados na zona híbrida de L. saxatilis en Galicia, e tamén falará sobre os estudos ecolóxicos de campo levados a cabo durante a súa estancia na ECIMAT. Os resultados acadados mellorarán o noso coñecemento sobre o papel dos mecanismos ambientais e xenéticos no proceso de especiación, como poden ser os diferentes tipos de forzas selectivas, o apareamento asociativo, a elección de hábitat ou a arquitectura xenómica.

A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT e será retransmitida en directo en http://tv.uvigo.es/es/directo/1.html, estando posteriormente dispoñible en UVigoTV e na nosa web.

Vídeos