Interaction between waves and coastal structures: from coastal protection to energy generation

O martes 7 de maio, o Dr. Alejandro Cabrera Crespo, investigador  do Laboratorio de Física Ambiental EPHYSLAB do CIM-UVigo, presentará no Ciclo de Conferencias “Café con Sal” a charla titulada “Interaction  between  waves  and  coastal  structures:  from  coastal  protection  to  energy  generation“, na cal expoñerá o seu traballo en modelado numérico aplicado á protección costeira e ao deseño de dispositivos de captación de enerxía das ondas.

O modelado numérico é a día de hoxe unha ferramenta moi potente nos campos da enxeñería e a ciencia á hora de resolver problemas complexos. A súa principal vantaxe é a capacidade de simular calquera escenario sen a necesidade de construír custosos modelos físicos, xa que os modelos numéricos non teñen que preocuparse dos problemas de escalado. Ademais, a simulación numérica proporciona datos ou medidas que nun modelo real serían difíciles de obter ou mesmo imposibles de medir. Por outra banda, o modelado numérico permite realizar un estudo previo para reducir o número de ensaios físicos, o cal implica un importante aforro de tempo e diñeiro.

O grupo  EPHYSLAB é o principal  impulsor dun código libre e aberto chamado  DualSPHysics, que constitúe o resultado dun esforzo colaborativo entre investigadores de diferentes institucións de Reino Unido, Portugal, Italia e Bélxica.  DualSPHysics está baseado na metodoloxía  SPH, unha das áreas novas máis emocionantes no campo da dinámica  computacional de fluídos e sólidos e que forma parte das principais actividades de investigación do grupo  EPHYSLAB durante os últimos 15 anos. Este novo método numérico está a abrir a posibilidade de investigar en campos que estaban moito máis alá da capacidade de calquera modelo, pero que agora si están a ser estudados.

Durante a conferencia, Alejandro presentará o seu traballo de investigación dentro do proxecto  DualSPHysics, centrándose en aplicacións de enxeñería costeira tales como o deseño de estruturas de protección de portos e o deseño numérico de dispositivos  captadores de enerxía de ondas.

A conferencia terá lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT e será retransmitida no canal directo 1 de UVigo TV, estando próximamente dispoñible nas nosas páxinas web (UVigo TV e CIM-UVigo).

Vídeos