O xoves día 2 de novembro ás 11:00 h Begoña Araujo, doutora en Ciencias do Mar pola Facultade de Vigo, presentou os resultados máis importantes da súa tese doutoral coa charla titulada “Importance of sandy beaches in the recycling of organic matter”.
Ante un escenario de cambio global é necesario obter as ferramentas necesarias para paliar os efectos que este poida provocar na costa. Por iso, é fundamental coñecer o funcionamento do ecosistema costeiro como interfase entre o mar e a terra para poder xestionar os recursos costeiros e poder gozar destas zonas de forma sustentable.
Neste contexto, Begoña Araujo, dirixida por Mariano Lastra e Jesús López, investigadores do grupo de Ecoloxía Costeira do Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo, desenvolveu a súa tese doutoral, co obxectivo principal de informar e achegar novos datos sobre a importancia das praias arenosas polo seu papel como grandes sistemas dixestivos da materia orgánica e obter información acerca dos principais factores físicos, ambientais e biolóxicos que afectan o seu metabolismo.
Durante a conferencia, a poñente deu a coñecer a importancia do papel ecolóxico das praias arenosas, e presentou os resultados e conclusións máis importantes sobre o papel dos varamentos de macroalgas no metabolismo do ecosistema (fluxo de CO2, subministro de nutrientes, etc.), tanto na auga intersticial como nos sedimentos intermareais, o papel funcional dos consumidores macrofaunales e os principais factores que afectan á velocidade de degradación.
Vídeos
- Presentación Alba Hernández, ECIMAT, CIM-UVigo
- Conferencia Begoña Araujo, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo
- Quenda de preguntas Begoña Araujo, Ecoloxía Costeira, CIM-UVigo