III Concurso de vídeos Marie Tharp

A Comisión de Igualdade e Sostibilidade do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) acaba de lanzar a terceira edición do concurso Marie Tharp, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao centro. O certame consta de dúas categorías: predoutoramento e posdoutoramento junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por cada unha delas.

Dirixido a visibilizar o papel das mulleres na ciencia mariña, o galardón está convocado na honra da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deriva continental.

As investigadoras interesadas en participar deberán gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto contando brevemente e de forma sinxela en que traballan e cal é o motivo, os obxectivos, o plan de traballo, os resultados e o impacto da súa investigación. O vídeo deberá enviarse antes do 22 de xaneiro de 2025 a cim@uvigo.gal.

Consulta aquí:
Bases do concurso
Cartel do concurso