O martes 1 de decembro ás 11h, Carlos Canchaya, profesor da Universidade de Vigo e investigador do Grupo de Xenómica Comparativa do CIM, presentará dentro do programa Café con Sal o relatorio Genomics of Mytilus galloprovincialis and its microbiota.
O mexillón (Mytilus galloprovincialis) é un organismo moi resistente a diferentes estreses bióticos e abióticos, o cal suxire que posúe unha inmunidade innata eficaz que o fai menos susceptible a patoloxías ou mortes masivas, en comparación con outros bivalvos. Estas características, ademáis da súa importancia social e económica en Galicia, fan do mexillón un organismo modelo de moito interese para a investigación.
No ano 2011, grazas a un esforzo conxunto de dous grupos de investigación da Universidade de Vigo, entre os cales se atopa o investigador Carlos Canchaya, e do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, comezouse a secuenciar o seu xenoma nuclear, obténdose, 6 anos despois, o primeiro borrador do xenoma de dous mexilóns femias. Os estudos de poboacións de mexillóns procedentes de Italia e España realizados posteriormente permitiron coñecer o panxenoma do mexillón.
Durante a súa conferencia, o poñente nos presentará a metodoloxía e os resultados deste estudos, os cales revelaron a alta complexidade e o elevado número de xenes do mexilón. Así mesmo, Carlos Canchaya discutirá sobre a relación entre a alta variabilidade a nivel poboacional e a alta resistencia inmune frente a patoloxías ou outros factores de estrés. Finalmente, o poñente presentará algún dos estudos realizados na actualidade sobre o estudo xenético da microbiota do mexilón, que contribúe ao seu interese como organismo modelo e supón un caso de estudo da adaptación dos organismos ao seu hospedador.
A conferencia será realizada de xeito virtual, sendo retransmimtida en directo través do Campus Remoto da Universidade de Vigo. Para acceder, siga as seguintes instrucións:
- Premer a URL de acceso á sala virtual ” S00-Auditorio Principal”: https://campusremotouvigo.gal/access/public/meeting/928607699
- Acceder como estudante coa seguinte contrasinal: 6rAsLWyz
- Seleccionar a modalidade de acceso con micrófono e silenciar o mesmo ata o turno de preguntas.
O relatorio estará dispoñible de forma permanente nas webs e canais do CIM-UVigo e UVigoTV.
Vídeos
- Presentación de Carlos Canchaya Alba Hernández - CIM
- Genómica de Mytilus galloprovincialis y su microbiota Carlos Canchaya, Grupo de Xenómica Comparativa, CIM
- Turno de preguntas Carlos Canchaya, Grupo de Xenómica Comparativa, CIM