Evolución del océano en la Tierra y en Marte: el punto de divergencia

O martes día 2 de abril Elisabeth Losa, Doutora pola Universidade de Vigo e investigadora do grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica do CIM-UVigo, presentou a conferencia “Evolución del océano en la Tierra y en Marte: el punto de divergencia”, na que expuxo o estudo das fases mineralóxicas presentes nun cráter de Marte.

Actualmente, Marte presenta unha temperatura media anual e unha presión superficial que fai que a presenza de auga líquida só poida ter lugar de maneira local e permanecer temporalmente baixo condicións anómalas ou moi restritivas. Sen embargo, existen diversas evidencias que apoian a existencia de antigos corpos de auga sobre a superficie deste planeta, o que implicaría a existencia no pasado dun clima máis húmido e unha atmosfera de maior espesor, a cal impediría a evaporación inmediata da auga. As novidades sobre a natureza mineralóxica de Marte, resultante dunha meteorización acuosa, están a achegar novas ferramentas para comprender mellor as condicións ambientais deste planeta, tanto a escala local como global, e reconstruír o clima ao longo da historia de Marte.

Dentro deste contexto e dirixida por Luís Gago (grupo de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica), e Alberto González (Centro de Astrobioloxía, CSIC), Elisabeth Losa desenvolveu a súa tese doutoral “Meteorización de silicatos en Marte: o litio e os seus isótopos como trazadores xeoquímicos”, co obxectivo de aumentar o coñecemento sobre a meteorización dos minerais do basalto e a evolución de parámetros termodinámicos e cinéticos. Así mesmo, o seu estudo tratou de interpretar a evolución isotópica do litio asociada aos procesos de meteorización e formación de minerais secundarios, co fin de estudar a viabilidade de aplicar as ferramentas creadas no seu traballo a futuros datos tomados de mostras in situ.

Durante esta charla Elisabeth presentou un estudo cualitativo e cuantitativo das fases mineralóxicas presentes no cráter Gale, no cal empregou novas técnicas para obter datos cristalográficos, e describiu un posible tipo de mineral de arxila identificado e a súa utilidade para reconstruír a historia xeoquímica do cráter Gale.

A conferencia tivo lugar ás 11.00h no salón de actos da ECIMAT e foi retransmitida no canal directo 1 de UVigo TV, estando permanentemente dispoñible nas nosas páxinas web (UVigo TV e CIM-UVigo).

Vídeos