“MARatón”: Concurso de divulgación de investigación mariña

O laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo organizan o primeiro concurso de divulgación mariña “MARatón: a investigación mariña contada en 8 minutos”, no que investigadores e estudantes presentarán pequenas comunicacións sobre o seu traballo a un público aberto nun bar de Vigo.

Esta iniciativa, financiada por “Somos Científicos, sácame de aquí”, nace co obxectivo de promover a necesidade e habilidade dos investigadores en divulgar un traballo científico a un público non experto e de achegar á cidadanía a investigación mariña realizada na Universidade de Vigo dunha forma relaxada, fácil e divertida.

Os e as participantes deberán captar a atención do público en moi pouco tempo, pois dispoñerán tan só de 8 minutos para presentar o seu traballo e a súa aplicación a un público aberto. Dado que será o público o que votará ao mellor divulgador ou divulgadora, valorarase a capacidade de síntese e claridade dos participantes, así como a súa habilidade para transmitir as implicacións dos traballos expostos na súa vida diaria.

O evento celebrarase os días 7 e 8 de maio de 2019 entre as 20 e as 22:00 h no Tinta Negra bar (Rúa  Irmandiños, 2 Vigo) e contará con premios (primeiro premio e sorpresas para o resto de participantes) e certificados de participación.

Pechado o proceso de inscrición dos participantes xa está dispoñible o programa completo:

Programa completo de conferencias MARatón (PDF, 112 KB)

Máis información neste enlace