SnailRain é ciencia para divertirse e para levar no peto. Trátase dunha aplicación móbil desenvolvida por investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo co obxectivo de divulgar e educar sobre o funcionamento da selección natural, as leis de Mendel e a influencia do hábitat e os seus predadores sobre o xenotipo dunha poboación.
A creación deste xogo enmárcase nun proxecto de investigación estatal liderado polo catedrático Emilio Rolán e o profesor Antonio Carvajal, ambos do CIM-UVigo e do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía. O propio Rolán explica que SnailRain “amosa como unha poboación de caracois se adapta á selección natural”, mentres que o hábitat no que viven e a súa configuración xenética condicionan a probabilidade de supervivencia ante o depredador. Ese papel de depredador que trata de matar caracois é o que desenvolve o xogador, que elimina os gasterópodos co dedo a medida que estes caen da parte alta da pantalla simulando distintos hábitats.
Un dos piares da ciencia moderna, pouco explicado na educación secundaria
O catedrático lembra que toda a súa carreira académica se centra “en entender a teoría evolutiva, empregando para isto diferentes organismos modelo”. Nos últimos anos, tras establecer colaboracións con colexios e institutos, puido comprobar como “a teoría evolutiva, un dos piares da ciencia moderna, practicamente non é explicada ou éo de xeito incorrecto no sistema educativo básico”. Neste sentido, embarcouse na creación de iniciativas que permitan mellorar a divulgación da ciencia entre nenas e nenos e entre os adolescentes, empregando as novas tecnoloxías para ofrecerlles “algo divertido pero que, colateralmente, poida ter un valor educativo”. Así naceu SnailRain, como un dos resultados do proxecto Causas e consecuencias da evolución da preferencia na elección de parella en poboacións naturais, unha iniciativa de catro anos de duración e un financiamento de 128.000 euros, “que para ser ciencia básica en España é bastante”. O proxecto, que rematará en decembro de 2020, ten como obxectivo principal desenvolver técnicas e ferramentas para o estudo do carácter da elección de parella e tratar de entender como este carácter evoluciona, xa que “a elección de parella ocorre en practicamente todas as especies, e dende logo, na nosa, como ben sabemos”, apunta o catedrático.
No marco destes proxectos de I+D, Emilio Rolán considera que é cada máis frecuente que a comunidade investigadora achegue un perfil divulgativo e dediquen unha porcentaxe do seu esforzo de investigación a tratar de devolverlle á sociedade de forma máis directa as achegas que esta fai para apoialos nas súas metas investigadoras”. De feito, engade, o resultado típico dun proxecto deste tipo é a produción de artigos científicos, “nós publicamos 13 nos dous primeiros anos en revistas de internacionais”, pero este xogo representa “un resultado colateral no proxecto”.
Camuflarse para sobrevivir
O obxectivo do xogo é que o usuario experimente nunha contorna simplificada o papel da selección natural de adaptar a cor das poboacións á cor do seu hábitat, “representando unha simplificación de como podería evolucionar a coloración de camuflaxe”, explica o docente. O usuario ten que tratar de capturar caracois para alimentarse mentres estes se desprazan polo seu hábitat, simulando o proceso de captura dun depredador visual calquera. “Supostamente, os caracois da mesma cor que o fondo do hábitat deberían de ser máis difíciles de identificar e capturar, pero o depredador-usuario pode desenvolver o seu propio criterio de captura e, polo tanto, influenciar a evolución de distintas maneiras”.
Este é un xogo para todas as idades, apunta Emilio Rolán, pode ser empregado a partir dos 7 anos, “se ben é posible que os máis pequenos non cheguen a entender algúns conceptos biolóxicos que subxacen”. Con todo, a franxa obxectivo do público ao que se busca chegar é do estudantado da ESO, complementando e ampliando os seus coñecementos sobre a evolución. Rolán tamén remarca que non se precisa supervisión para o correcto uso do xogo, “pero si para garantir a correcta comprensión dos conceptos que traballa”, xa que pretende informar con exemplos sobre as regras de herdanza, a acción da selección natural e as súas consecuencias e, en particular, trata de emular un proceso de selección no que se fixe unha cor de camuflaxe nunha determinada poboación con variación para a cor. “Simplificándoo un pouco, o usuario fai as veces dun potencial depredador visual que captura os caracois que van pasando pola pantalla, sendo supostamente máis sinxelo con aqueles cuxa cor destaque máis sobre o fondo que os que presentan unha coloración de camuflaxe”.
O xogo está dispoñible para Android pero os seus impulsores non descartan facer no futuro unha versión para IOS.
Novas tecnoloxías na formación
A idea de poñer en marcha iniciativas coma esta, que tratan de incentivar o interese das novas xeracións empregando as novas tecnoloxías, responde a unha corrente global. Explica Rolán que isto sucede en todas as facetas, “hoxe non fai falta recorrer aos discos para facerse famoso cunha canción e, do mesmo xeito, unha clase de teoría debe tratar de utilizar recursos da web e visuais”. Recoñece a necesidade dos docentes de actualizarse, pero remata salientando que isto debe facerse “sen perder nunca o obxectivo prioritario de calquera labor docente: ensinar conceptos complexos da forma máis sinxela pero precisa posible”.
Fonte: DUVI