A primeira edición de Malacodía atraeu a expertos en malacoloxía á Facultade de Ciencias do Mar

O pasado día 19 de xullo celebrouse no salón de actos da Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo a Xornada Malacolóxica “Malacodía”, na que varios especialistas no campo da malacoloxía, presentaron a guía de moluscos de Galicia e resolveron dúbidas sobre a identificación de exemplares, o hábitat, a distribución e diferentes modos de vida destes organismos.

Participaron da xornada unhas 25 persoas, entre elas Emilio Rolán, autor con máis novas especies novas descritas para a Ciencia e Presidente Honorífico da “Sociedade Española de Malacologia“,  Ángel Guerra, investigador do Insituto de Investigacións Mariñas (IIM, CSIC), Juan Trigo, profundo coñecedor das especies de moluscos que viven nas costas de Galicia e anterior responsable dos contidos da web da Sociedade Española de Malacologia, e Jesús Troncoso, investigador do CIM-UVigo, profesor da Facultade de Ciencias do Mar e actual Presidente da “Sociedad Española de Malacologia”.

Segundo Troncoso, “Foi un encontro informal, no que os participantes, moi proactivos, trouxeron o material conquiliolóxico que dispoñían e, ao final da sesión, discutíronse diversos aspectos para a resolución de dúbidas e curiosidades sobre diversas especies de moluscos”.A xornada terminou cunha visita a dous laboratorios da Facultade de Ciencias do Mar e do CIM- Uvigo, onde puideron contemplar exemplares de cefalópodos africanos e fauna de invertebrados da Antártida.

Debido ao éxito desta xornada, Jesús Troncoso asegura que se realizarán novas edicións nos vindeiros anos.