As universidades de Vigo e Cabo Verde fomentan o emprendemento e autoemprego de mozos e mulleres na Economía Azul do país africano

Gonzalo Méndez, Jaime Puyoles e Judite da Encarnação Medina do Nascimento

Contribuír á mellora da calidade de vida das persoas dependentes da Economía Azul ou Economía do Mar, a través da implementación de solucións innovadoras baseadas na formación e a promoción de emprendemento sustentable e rendible, é o obxectivo do proxecto Emprendemento e autoemprego para mozos e mulleres no sector da Economía Azul en Cabo Verde. O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a reitora da Universidade de Cabo Verde, Judite da Encarnação Medina do Nascimento e o coordinador xeral de Agencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) asinaron, a través dunha videoconferencia, o memorando de colaboración para a posta en marcha do proxecto, cofinanciado pola Aecid, a través dunha subvención outorgada á institución académica africana, que lidera a iniciativa, na que tamén participan Instituto Nacional de Desenvolvimiento das pescas (INDP) e Proempresa.

“A Economía Azul ou Crecemento Azul é unha iniciativa desenvolta a partir do concepto de Economía Verde e este proxecto dá prioridade ao equilibrio na xestión dos recursos mariños aproveitando todo o seu potencial (comercio, ecosistemas, turismo, familias…)”, explica o catedrático do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo e investigador do Grupo de Análise de Concas Sedimentarias do CIM-UVigo Gonzalo Méndez. O docente e investigador da institución académica viguesa viaxou ao país africano co gallo da sinatura do memorando, onde tamén participou nun ciclo de conferencias sobre Economía Azul ligada ao emprendemento e innovación e no lanzamento da segunda edición do Programa Empreamar CV, que implica o reforzo dunha preincubadora de emprendemento e a posta en marcha dos procesos de incubación e aceleración.

Compromiso co desenvolvemento do sector mariño en Cabo Verde

Co apoio de Campus do Mar e da Oficina de Relacións Internacionais, a Universidade de Vigo desde a Cátedra Unesco en Desenvolvemento Litoral Sustentable, xa colaboraba con anterioridade na promoción dun ecosistema de emprendemento no ámbito mariño-costeiro en Cabo Verde a través do proxecto Tranfererencia e emprendemento mariño en Cabo Verde como estratexia de crecemento de emprego e desenvolvemento económico, social e ambiental: Emprender en Azul, financiado por Cooperación Galega (Xunta de Galicia). Pola súa banda, o acordo de colaboración que acaban de asinar os reitores de Vigo e Cabo Verde e o coordinador xeral de Aecid permite establecer as condicións mediante as que as institucións académicas unen esforzos para executar o proxecto, ademais de definir as actividades previstas para o seu desenvolvemento por parte da Universidade, a través da Cátedra Unesco en Desenvolvemento Litoral Sustentable e definir a modalidade de xestión económica das actividades que se prolongarán ata xuño do ano 2021.

“Neste contexto, a Universidade de Vigo participa no desenvolvemento do sector do mar e colabora cos seus socios internacionais en prol do desenvolvemento social, económico e ambiental das áreas mariño-costeiras, levando a cabo proxectos académicos e de investigación e desenvolvemento técnico cun enfoque de cooperación”, sinala Méndez.

Fonte: DUVI