Especialistas do Centro de Investigación Mariña gañan o primeiro premio do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das rías galegas

Alicia Premio

Un traballo no que se presentan os primeiros pasos para descodificar o xenoma do berberecho Cerastoderma edule valeulle a un equipo de especialistas do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo o premio ao mellor panel na XX edición do Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas, Foro Acui, celebrado este mes na illa grovense da Toxa e no que participaron os principais colectivos investigadores, empresariais, da administración e estudantís vinculados ao ámbito pesqueiro e acuícola para analizar, debater e reflexionar sobre os recursos mariños e a acuicultura, así como para contribuír á transferencia de coñecementos.

Encargouse de recoller o premio a investigadora Alicia L. Bruzos, estudante de doutoramento e unha das autoras desta investigación, traballo que asina de forma conxunta cos tamén investigadores Seila Díaz, Daniel García-Souto e José Tubío, investigador do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e gañador dunha das prestixiosas Starting Grant do Consello Europeo de Investigación cun estudo sobre os cancros transmisible en bivalvos, Scuba Cancers, ao abeiro do cal se están a realizar diferentes traballos de investigación, entre eles o premiado no ForoAcui.

A investigación premiada, ademais de dar eses primeiros pasos para descodificar o xenoma deste tipo de berberecho, estima que o tamaño desta especie é de 1,5 Gb, “aproximadamente a metade que o xenoma dos humanos”, explica a investigadora, ao tempo que fai fincapé en que esta análise do xenoma cos resultados preliminares de secuenciación dun berberecho son o punto de partida para a obtención do xenoma de referencia desta especie, “o que será unha importante ferramenta para lograr os obxectivos do proxecto Scuba Cancers”.

Ao abeiro do proxecto europeo Scuba Cancers

O proxecto europeo Scuba Cancers, financiado cun millón e medio de euros pola ERC Starting Grant concedida a Tubío no ano 2016, ten como obxectivo principal identificar as alteracións xenéticas e os procesos mutacionais dos cancros transmisibles que presentan os berberechos. Dispoñer dun xenoma de referencia para o berberecho constitúe unha pedra angular para este proxecto e, neste sentido, o equipo responsable da investigación recalca que a ensamblaxe e anotación deste xenoma é complexa debido ás rexións repetitivas que presenta. Estas dificultades xustificaron a creación, hai xa un ano, do International Common Cockle Genome Consortium (ICCGC) coa finalidade de que participen na anotación do xenoma de referencia expertos e expertas en xenómica de relevancia internacional.

“Ademais do consorcio ICCGC e das instalacións da Estación de Ciencias e Investigación Mariña da Universidade de Vigo (Ecimat) nas que teñen lugar o procesado das mostras, foron de gran axuda as colaboracións co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia e co Wellcome Trust Sanger Institute de Cambridge (UK)”, explicou Bruzos.