O portal de información oceanográfica e meteorolóxica Torallamar, desenvolvido polo Grupo de Oceanografía Física e persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, consolidouse este verán como observatorio de referencia para as travesías a nado de longa distancia celebradas nos últimos meses nas Rías Baixas, entre elas, o Desafío Illas Cíes (10 km), a Batalla de Rande (27 km), Arousaman (13 km) ou a Tripe Coroa Illas Atlánticas (28 Km).
O centro leva xa máis de catro anos ofrecendo medidas en tempo real das condicións meteorolóxicas (temperatura, vento e humidade relativa) e oceanográficas (temperatura da auga, salinidade, oxíxeno disolto…) na illa de Toralla. Dende o principio puxeron especial énfase na difusión destes datos non só a través da súa web, senón tamén a través das redes sociais, emitindo cada día tres partes (mañá, mediodía e noite). “Isto tivo tamén unha gran acollida entre os usuarios das praias, principalmente a do Vao pola súa proximidade”, explica Jose González, da Unidade de Oceanografía.
Incremento constante de seguidores en redes sociais
En redes sociais o observatorio acadou este verán unha media de 15.000 impresións diarias, máis do dobre das que alcanzaba na mesma época de 2014. “O alcance da información publicada é maior no verán, de feito tivemos días nos que se superaron as 30.000 impresións”, subliña González, ao que engade que, en xeral, o número de seguidores mantense ao longo do ano e incluso segue aumentado, aínda que a menor ritmo, durante os meses de inverno. “Moita xente utiliza a información publicada como referencia do tempo que fai en Vigo, o que fai que os seguidores se manteñan durante todo o ano”, recalcan dende a Unidade de Oceanografía.
A maior parte dos seguidores son de Vigo e a súa comarca (Ponteareas, Redondela, Nigrán, Mos, Cangas, Moaña…), pero tamén é importante o colectivo que consulta a información do observatorio desde diferentes puntos do resto de Galicia, España (sobre todo Andalucía) e de lugares tan distantes como Estados Unidos, Indonesia ou a India.
Ademais dos usuarios das praias, que poden consultar a temperatura da auga en tempo real, pescadores e mergulladores son tamén seguidores habituais de Torallamar, xa que facilítalles información detallada sobre as correntes e o grao de visibilidade da auga, así como deportistas, sobre todo os que practican windsurf ou Kitesurf, xa que é o mellor xeito de coñecer os datos de ventos locais que se rexistran en cada momento.
Fonte: duvi