Investigadores do Centro Singular de Investigación Mariña CSIM-ECIMAT (Universidade de Vigo), Mariano Lastra, Jesús Souza e Jesús López e o investigador do CSIC Luís Sampedro, partiron desde Vigo o pasado día 3 con rumbo a Punta Areas (Chile) para embarcar alí no Hespérides xunto ao resto de investigadores que se dirixían a Decepción e a illa Livingstone, na Antártida. A expedición olívica permanecerá na base Gabriel de Castela ata o seu peche para mediados de marzo, coincidindo co fin do verán austral e, polo tanto, da XXX Campaña Antártica Española.
O proxecto liderado por Mariano Lastra continuará co estudo dos efectos do cambio climático sobre a descomposición da materia orgánica depositada no litoral desprovisto de xeo, iniciado no ano 2016. Durante a estancia do ano pasado, que tamén se desenvolveu entre febreiro e marzo, os biólogos analizaron a descomposición das algas varadas nas praias de Baía Foster, no interior da illa. Nesta ocasión, os seus estudos céntranse na Enseada Teléfono, unha zona quente cun dos status máis elevados de protección antártica e onde se rexistraron erupcións volcánicas hai 50 anos.
Durante a semana pasada, os científicos vigueses, acompañados polos militares da base, recolleron mostras de algas e instaláronas dentro de campás de policarbonato sobre a praia (fotografía inferior). O obxectivo é provocar un efecto invernadoiro, pois se prevé que nas próximas décadas se produzaca un quecemento de 1ºC. Os investigadores medirán tamén as emisións de gases de efecto invernadoiro, sobre todo, CO2 e metano, orixinadas durante a degradación destas macroalgas, así como a liberación de nutrientes ao medio oceánico e o papel da fauna asociada a elas. A campaña deste ano inclúe ademais experimentos de mesocosmos en varios tanques que reproducen os ecosistemas naturais para poder estudar unha especie de crustáceo miscroscópico moi abundante na Antártida, Gondogeneia antarctica.
Os catro investigadpres contactarán en directo este xoves 23 de febreiro ás 13:00 (hora peninsular) coa Facultade de Ciencias do Mar, a través dunha videoconferencia organizada pola delegación de alumnos, para relatar a súa experiencia no Polo sur e responder as preguntas formuladas pola comunidade universitaria.