O pasado xoves, día 2 de febreiro, tivo lugar en Santiago de Compostela o acto de entrega das acreditacións aos cinco centros singulares de investigación de Galicia (Citic, Ciqus, Cimus, Cinbio e Ecimat) e as dúas agrupacións estratéxicas consolidadas (Citius e AtlanTIC). Os sete centros distinguidos no acto, que xeraron un valor de preto de 28 millóns de euros no trienio 2013-2015, teñen garantido un financiamento estable ata 2019: máis de 13 millóns de euros que beneficiarán aos máis de 700 investigadores que os conforman. “Con este investimento buscamos proxectar o traballo destes sete centros cara ao eido internacional”, indicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen tamén recordou que somos a quinta comunidade autónoma con maior produción científica.
Feijóo fixo especial fincapé no potencial multiplicador da investigación científica e na importancia da transferencia do coñecemento cara ao tecido social. “Para lanzar este efecto multiplicador precísase investimento, por iso desde o ano 2009 a Xunta investiu 400 millóns de euros na actividade de I+D+i nas universidades”, explicou. Ademais, Galicia foi unha das poucas comunidades que mantivo o apoio económico á formación de recursos humanos e aos grupos de investigación, amais de abrir unha liña de respaldo aos centros singulares e ás agrupacións estratéxicas. No novo Plan de financiamento das Universidades, con vixencia ata 2020, o fondo de fomento de investigación é o que ten máis previsión de crecemento e este ano absorbe xa 52 millóns de euros.
Fonte. Xunta de Galicia http://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/3366/feijoo-anuncia-novo-programa-captacion-talento-senior-para-atraer-universidades