“Disrupción endocrina en Mytilus galloprovincialis, o centinela mariño”, 3 de novembro na ECIMAT

Laura vitelogenina

Este xoves día 3 de novembro ás 11:00 h continuamos coa VI edición do Programa Café con Sal. Laura Fernández, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo, nos presentará parte dos resultados da súa tese doutoral coa charla titulada “Disrupción endocrina en Mytilus galloprovincialis, el centinela marino“.

O obxectivo xeral da tese de Laura Fernández, dirixida por Paula Sánchez e Ángel Diz e titulada “Uso da viteloxenina como biomarcador de disrupción endocrina en mexillóns mariños, un enfoque proteómico” é o de desenvolver e estandarizar un biomarcador para a avaliación da presenza e os efectos de sustancias xenoestrogénicas no medio mariño, baseado na indución da vitelogenina (VTG) no mexillón Mytilus galloprovincialis, co fin último de incluír este biomarcador en futuras campañas de vixilancia da contaminación para a avaliación dos efectos dos xenoestrógenos en zonas costeiras.

Os disruptores endocrinos (EDC), e en particular, os xenoestróxenos comprenden unha ampla variedade de contaminantes, incluídas sustancias perigosas prioritarias e contaminantes emerxentes que poden causar efectos nocivos nos ecosistemas costeiros, como a feminización de machos de poboacións de moluscos e peixes. Os esforzos de vixilancia da contaminación mariña inclúen a análise de contaminantes en organismos biomonitores, tales como os mexillóns, e a medición dalgúns biomarcadores de expresión e efecto, pero non existen métodos estandarizados para o control biolóxico dos xenoestrógenos.

Este proxecto céntrase por unha banda no desenvolvemento dunha técnica para a análise cuantitativa da viteloxenina no tecido gonadal de mexillón, comparando unha técnica indirecta (fosfatos lábiles en álcali ALP) coa determinación directa mediante espectrofotometría de masas tras a separación de proteínas mediante electroforesis. Este enfoque proteómico utilizarase ademais na identificación doutras proteínas expresadas diferencialmente en resposta á exposición a estróxenos, que poderán ser utilizadas como potenciais biomarcadores adicionais de estroxenicidade.

Durante esta conferencia, Laura explicará o axuste do protocolo para a extracción, cuantificación e identificación da viteloxenina en Mytilus galloprovincialis e presentará os resultados obtidos nun experimento de exposición á hormona sintética etinilestradiol (EE2) utilizando dúas técnicas: A técnica indirecta de fosfatos lábiles en álcali (ALP) e a técnica directa de espectofotometría de masas.

Ver programa completo do Programa de Presentacións Científicas Café con Sal.

Ver cartel da presentación de Laura Fernández.

Esperámosvos na ECIMAT.