O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, participa no congreso Science for Industry (S4I), unha cita anual que aposta pola economía do coñecemento e que reúne a empresas, institucións e universidades de toda Europa para conectar ciencia e industria. O CIM acode a este encontro internacional da man da Universidade de Vigo e formando parte da delegación galega, coordinada pola Axencia Galega de Innovación, co obxectivo de impulsar a transferencia de tecnoloxía e abrir novas vías de colaboración con empresas do sector.
Considerado o maior punto de encontro internacional das denominadas “ciencias profundas” (‘deep science’), entendidas como tecnoloxías industriais altamente disrutivas xurdidas en ámbitos científicos, o CIM está presente neste escaparate internacional para expoñer algúns dos proxectos de transferencia nos que está a traballar. A través do posto da Universidade de Vigo, o CIM amosa as capacidades dos seus grupos de investigación para responder aos retos actuais da industria, explora novas sinerxías co sector empresarial e presenta resultados protexidos desenvolvidos no centro, con potencial para a súa explotación comercial.
Entre as iniciativas presentes no evento destaca o proxecto MytUniSex, impulsado no marco do programa Ignicia-Proba de Concepto da Universidade de Vigo. Esta investigación está centrada na produción intensiva de mexillóns unisex e ten como obxectivo a creación dunha spin-off en 2026 que comercialice os produtos e servizos derivados do proxecto. O CEO desta futura compañía, Manuel García, participa no congreso para xerar contactos estratéxicos, reunirse con potenciais parceiros e dar a coñecer a súa iniciativa a investidores e empresas de capital risco.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI