Obter alimentos sans, seguros e de calidade é un dos principais retos da nosa sociedade. O peixe cumpre sen dúbida eses requisitos como testemuña o incremento na súa demanda que, debido ao estancamento da pesca extractiva, só pode ser cuberto pola acuicultura (FAO, 2014). O principal custo da acuicultura é a alimentación, polo que desenvolver estratexias que a fagan máis eficiente para minimizar o custo económico e ambiental (asociado ao alimento non inxerido) é un campo de investigación prioritario, dentro do que destaca coñecer os mecanismos que regulan a inxesta. O control da inxesta de alimento é un proceso complexo resultante da integración a nivel central (no cerebro) de diferentes factores que inclúen a capacidade do peixe para detectar os niveis circulantes de nutrientes e o seu status enerxético.
O equipo de investigación de Fisioloxía de peixes e a súa aplicación en acuicultura (FB2) da Universidade de Vigo foi pioneiro e é unha referencia internacional na caracterización de sistemas sensores de nutrientes e a súa implicación no control da inxesta de alimento en peixes tal e como se pode apreciar na gran cantidade de artigos de investigación publicados sobre a temática nos últimos anos (http://fisioloxiapeixes.webs.uvigo.es/es/publicaciones.html). Entre os peixes modelo nos que centra os seus estudos destácase a troita arco iris (Figura), aínda que tamén realizan estudos con linguado, rodaballo ou peixe cebra nas instalacións da Facultade de Bioloxía e da ECIMAT.
Demostrouse en peixes que altos niveis de macronutrientes no alimento como proteínas, lípidos e carbohidratos inhiben a inxesta mentres que baixos niveis dos mesmos estimúlanas. O grupo FB2 constatou a presenza dun sistema glucosensor baseado na glucoquinasa e describiu o seu mecanismo de actuación, a súa modulación por diferentes hormonas e a súa interacción coa tensión. Máis recentemente o grupo caracterizou a presenza a nivel central de sistemas glucosensores alternativos ao dependente de glucoquinasa, que se basean no receptor X hepático, o transportador SGLT-1, a actividade mitocondrial e receptores gustativos nunca detectados ata agora nun vertebrado non mamífero. A nivel do metabolismo lipídico o grupo FB2 demostrou a existencia e o funcionamento de mecanismos sensores de ácidos graxos en troita, baseados é o transportador FAT/CD36, a actividade CPT-1 e a canle K+ATP, así como a activación destes sensores por algúns ácidos graxos poliinsaturados en linguado. En contraste co que sucede nos mamíferos, os investigadores demostran que en peixes os ácidos graxos de cadea media participan no control metabólico da inxesta.
As investigacións en marcha do grupo FB2 seguen proporcionando evidencias sobre os mecanismos implicados na regulación da inxesta en peixes. O crecemento da industria acuícola foi exponencial nos últimos anos e as perspectivas de futuro son excelentes. Estudar aquilo que limita o seu desenvolvemento e achegar solucións posibilitará cumprir estas predicións. Entre estas limitacións destaca a optimización da alimentación. Neste sentido, o obxectivo das investigacións do grupo FB2 da Universidade de Vigo sobre o control da inxesta de alimento en peixes permitirá optimizar a dispoñibilidade do alimento en relación ás necesidades do peixe en distintos momentos do seu ciclo produtivo, minimizando as perdas e maximizando o aproveitamento en forma de crecemento. A aplicación posterior dos coñecementos obtidos a nivel científico redundarán nun claro beneficio económico para a nosa sociedade ao poder producir alimentos de alta calidade nutricional dun modo máis eficiente e sustentable.
Para saber máis sobre o sistema de control da inxesta de peixes e os mecanismos de actuación destes sistemas glucosensores consulte o noso blogue: https://oceanoecimat.wordpress.com/2016/05/24/como-se-obtiene-y-procesa-la-informacion-metabolica-que-determina-que-el-pez-coma-o-no-coma/