Con tres dos sete proxectos para os que á Universidade de Vigo acadou financiamento
O Centro de Investigación Mariña captou case medio millón de euros para a consolidación investigadoras. O CIM lidera tres dos sete proxectos concedidos á Universidade de Vigo por un total de 1,2 millóns de euros na Convocatoria de axudas para incentivar a consolidación Investigadora 2023, que ten como finalidade impulsar a creación de prazas de carácter permanente nas institucións de adscrición e facilitar o inicio ou o afianzamento dunha liña de investigación mediante o financiamento dun proxecto propio de I+D+i, así como a adecuación e renovación dos espazos e laboratorios e a mellora do equipamento necesario para a súa execución.
Caracterización de fondos mariños costeiros
Noela Belén Sánchez Carnero, investigadora María Zambrano do CIM-UVigo, dirixe un dos proxectos seleccionados, cun orzamento de 152.251 euros, para empregar acústica de banda ancha na caracterización de fondos mariños costeiros. O obxectivo é desenvolver unha metodoloxía de banda ancha para o estudo de hábitats bentónicos que fixe as bases para aplicacións de futuras tecnoloxías multifeixe de banda ancha. En concreto, establecéronse tres obxectivos específicos, por unha banda compilar unha biblioteca de espectros acústicos de diferentes fondos mariños; por outra, establecer directrices metodolóxicas para a clasificación de fondos mariños en base ás súas respostas espectrais e implementar esas metodoloxías nun software de código aberto e, finalmente, explorar, como caso de estudo particular, a caracterización acústica de leitos de bivalvos en explotación, como ferramenta para a súa xestión. Para cumprir con estes obxectivos realizaranse mostraxes acústicas con BB en nas rías galegas e na península Valdés, na Arxentina (42º N e 42º S), en zonas previamente coñecidas pola súa diversidade de hábitats bentónicos.
Descifrar a dinámica do Monzón
Tamén dende o CIM se coordina o proxecto Métodos de vangarda para descifrar a dinámica do Monzón, que conta cun financiamento de 191.570 euros. En concreto, o investigador Gianluca Marino porá en marcha unha nova liña de investigación na UVigo explotando a instalación dun espectrómetro de masas de relación de isótopos (IRMS) recentemente financiada. El IRMS está deseñado para realizar análises de isótopos estables e agrupados en mostras de microcarbonato. O obxectivo do proxecto é reconstruír os cambios nos ventos do Monzón de Verán na India ao longo da Transición do Pleistoceno Medio (MPT), que supuxo un importante cambio na frecuencia, duración e intensidade dos ciclos glaciais-interglaciais superpostos a un enfriamento gradual do clima global. Os cambios na temperatura global, no volume de xeo e nos gases de efecto invernadoiro durante este período ofrecen un campo de proba ideal para avaliar a sensibilidade dos ventos do Monzón de Verán na India fronte aos forzamentos climáticos baixo diferentes condicións límite.
Larvas de insecto para a mellora da fertilidade do solo
Cun orzamento de 124.206 euros, a investigadora María Gómez Brandón dirixe o proxecto Probiofertil para avaliar o potencial de biorremediación das larvas de insecto para a mellora da fertilidade do solo e o desenvolvemento do cultivo. Céntrase no aproveitamento de residuos agrogandeiros a través da biotecnoloxía de insectos, co fin de mellorar a xestión e tratamento destes residuos ao tempo que se obteñen novos produtos con potencial para o seu uso como insumos agrícolas. Estes subprodutos preséntanse como unha alternativa sostible ao uso de fertilizantes minerais pola súa composición rica en quitina e en nutrientes de fácil asimilación. O equipo de traballo estudará os cambios na composición e diversidade microbiana, os perfís de xenes de resistencia a antibióticos e patóxenos microbianos humanos como resultado dos procesos asociados ao intestino das larvas de Hermetia illucens L., coñecida comunmente como a mosca soldado negra. A continuación, levarán a cabo unha experimentación en invernadoiro para determinar o efecto da exuvia do insecto sobre o microbioma e o resistoma. Isto completarase cunha experimentación en campo para avaliar o papel biofertilizante no sistema solo-planta dun agroecosistema de millo forraxeiro, a través do seu impacto nas comunidades microbianas e os perfís de xenes de resistencia a antibióticos no solo e a rizosfera.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI