O investigador do CIM Celestino Quintela leva a ciencia aos bares dentro do festival internacional Pint of Science

O científico participa coa charla 'De pinturas, volcáns e árbores' nesta serie de charlas en locais de Vigo e Ourense 

O científico participa coa charla ‘De pinturas, volcáns e árbores’ nesta serie de charlas en locais de Vigo e Ourense

O Festival Internacional de Divulgación Científica Pint of Science regresa a vindeira semana e nesta nova edición estará presente 500 cidades de 25 países, entre elas, 67 cidades de España como Ourense e Vigo. Será a novena vez que esta iniciativa de divulgación científica se celebre en España, propoñendo bares, pubs e cafeterías como punto de encontro entre científicos e científicas e o público xeral. A cita será os días 13, 14 e 15 de maio e permitirá que o público asistente poida coñecer liñas e proxectos de investigación en áreas moi diversas explicadas polo persoal científico empregando unha linguaxe comprensible e próxima. Nas cidades de Vigo e Ourense participarán un total de 19 investigadores e investigadoras destes campus, xunco con outros expertos doutras universidades e entidades.

Doce charlas en dous bares de Vigo

En Vigo haberá un total de doce charlas sobre seis temáticas diferentes, entre as que estará a do investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Celestino Quintela, que participará cun encontro titulado ‘De pinturas, volcáns e árbores’.

As charlas son de acceso libre e gratuíto, ata completar aforo, e serán os días 13, 14 e 15 de maio a partir das 20.00 horas no bar Cañaveral, situado na Portal do Sol, 6, e no bar El Castro, na rúa Paseo de Alfonso XII, 2. Ademais de charlas, a programación de Pint of Science Vigo incluirá concursos como o Trivial científico e sorteos con regalos para o público asistente. Toda a información sobre as charlas e as actividades está dispoñible na páxina web do evento.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).

Fonte: DUVI