Segundo o QS World University Rankings by Subject 2024 destaca en cinco eidos: Enxeñaría do petróleo, Agricultura e forestal, Enxeñaría eléctrica e electrónica, Ciencias biolóxicas e Química
A edición 2024 do QS World University Rankings by Subjetc sitúa a Universidade de Vigo entre as mellores do mundo en cinco eidos: Enxeñaría do petróleo, Agricultura e forestal, Enxeñaría eléctrica e electrónica, Ciencias biolóxicas e Química. Como xa avanzara o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno da pasada semana, dende 2021, ano no que a Universidade de Vigo comezou a ser valorada por este ranking, pasouse de estar entre as mellores do mundo en dous eidos a aparecer no 2023 en tres e nesta nova edición en cinco, o que segundo Reigosa “é unha mellora importante”, sobre todo coa vista posta na captación internacional de alumnado.
A clasificación, publicada por QS Quacquarelli Symonds, proporciona unha análise comparativa independente sobre máis de 16.400 programas universitarios, cursados por estudantes de más de 1500 universidades en 96 países do mundo, incluíndo 55 disciplinas académicas e cinco amplas áreas de coñecemento. O bo facer dos centros de excelencia da Xunta de Galicia está moi relacionado con este novo impulso da Universidade de Vigo no ranking. Así, como explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, os resultados acadados por exemplo en Enxeñaría eléctrica, poñen en valor o traballo do Cintecx, que “se presenta como un centro relevante, que esperamos pronto acade tamén a catalogación de centro CIGUS na convocatoria de centros da Xunta de Galicia do 2023, que está a piques de ser resolta”. No que se refire a Bioloxía, “encaixa tanto en liñas do CINBIO (xunto coa Química) como no do CIM, e polo tanto segue a reflexar o papel dos nosos centros de excelencia considerados como centros Cigus pola Xunta de Galicia”.
Outras materias destacadas
En total, o QS World University Rankings by Subject 2024 valorou á Universidade de Vigo en 31 materias e, ademais destas cinco nas que acada unha posición destacada, hai algunhas outras nas que se conseguen moi boas puntuacións, incluso mellores que aquelas que entraron no ranking. É o caso, por exemplo, de Earth and Marine Sciences e Environmental Sciences, “froito do bo facer do CIM”, pero ao tratarse dunha área máis estendida, as boas puntuacións non foron suficientes para quedar entre as mellores, xa que “hai que ter en consideración que son mais de 3000 institucións e a competencia é moi grande”.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI