Tres investigadores da agrupación Oceano-Ecimat (Mariano Lastra, como IP, Jesús López e o director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso) e dous da USC (José Emilio Mora e Manuel Ángel García) están a rematar os últimos preparativos para partir cara a Antártida dende Vigo o vindeiro 29 de xaneiro. A base militar española Gabriel de Castilla, en illa Decepción, será o seu fogar. Este equipo liderado por Mariano Lastra desenvolverá un dos 20 proxectos de investigación nacionais e internacionais seleccionados para a XXIX Campaña Antártica, na que participan un total de 100 científicos e que durará 100 días. A ECIMAT acompañará aos investigadores vigueses dende a distancia e irá retransmitindo a través do noso blog e da nosa web o trascurso da campaña.
Base militar Gabriel de Castilla
A experiencia do equipo galego na Antártida é ampla e profunda. Tras cinco campañas previas tratarán de analizar os procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición de algas nos intermareais sedimentarios de Porto Foster, na Illa Decepción da Antártida. O proxecto ten unha duración total de tres anos, un orzamento de 50.000 euros, e comprende dúas campañas na Antártida, a deste febreiro e outra xusto un ano despois. O obxectivo é crear un modelo para predicir o efecto da actividade xeotérmica no litoral antártico.
A illa Decepción é unha caldeira volcánica activa que conforma unha illa con forma de anel, cuxo centro é a baía Foster. O litoral presenta frecuentes quentamento xeotérmicos, polo que a costa en determinadas zonas rexistra elevadas temperaturas e fenómenos como fumarolas e emisións de vapor de auga e outros gases de orixe volcánico como metano, CO2 ou sulfuro de hidróxeno. No verán austral as praias da illa, catalogada como Sitio de Especial Interese Científico e como Zona Antártica Especialmente Protexida (ZAEP 140), reciben importantes achegas de masas de algas que se desprenden e rematan na costa intermareal. Estes materiais teñen unha enorme importancia ecolóxica, “dado que subministran alimento e hábitat para moitas especies de invertebrados”, recalca Lastra, que explica tamén que a reciclaxe desta biomasa é a orixe de interesantes procesos bioxeoquímicos que dan lugar á liberación de nutrientes ao medio costeiro.
Illa Decepción
No caso da baía Foster, as fumarolas e fontes hidrotermais consecuencia da orixe volcánica da illa, condicionan os patróns de descomposición da biomasa algal, a súa colonización, consumo, fluxo de nutrientes e emisión de gases. Para analizar estes procesos levaranse a cabo mostraxes de campo e varios experimentos de manipulación do medio natural. Calcularase o stock, a taxa de reemprazo e a descomposición de macroalgas en oito estacións de mostraxe distribuídas en toda a costa. A hipótese de partida do proxecto é que “tanto as elevadas temperaturas como os gases afectan aos procesos ecolóxicos e bioxeoquímicos asociados á descomposición da biomasa de macroalgas depositada en grandes cantidades polas mareas”. O obxectivo final do proxecto é xerar un modelo do funcionamento acoplado dos ecosistemas litorais de baía Foster. Para isto, os científicos realizarán mostraxes nas praias con métodos cuantitativos antes e despois da chegada masiva das algas, para analizar así as consecuencias do seu quentamento e descomposición, tanto polo efecto do sol como actividade hidrotermal.
Un equipo como o galego, que xa conta con experiencia previa no continente xeado, valora moi positivamente este emprazamento como lugar de investigación. “Traballar na Antártida é traballar en condicións ideais para un científico; o ambiente é singular e pouco coñecido, no cal case todo está por estudar e, ademais podemos dedicar o 100% do tempo ao traballo”.
Boa viaxe.
Fonte: Duvi