Investigadoras do CIM participan na feira eXXperimenta en Feminino para achegar a maxia da ciencia a escolares e familias

Investigadoras do CIM participan na feira eXXperimenta en Feminino para achegar a maxia da ciencia a escolares e familias

O campus de Ourense celeboru a sétima edición da feira

O campus de Ourense celebrou unha nova edición, a sétima, da feira científica e divulgativa eXXperimenta en Feminino. Nela, investigadoras do grupo EPhysLab do Centro de Investigación Mariña (CIM) sumáronse a un amplo colectivo de máis de medio centenar de investigadoras e investigadores da UVigo de diferentes disciplinas que se achegaron a máis de 300 escolares e familias co obxectivo de descubrir xuntos “a maxia da ciencia”, dun xeito lúdico e no que se fai especial fincapé en dar protagonismo ás mulleres científicas.

A feira une cada ano a un amplo colectivo de persoal investigador co obxectivo de visibilizar o papel da muller no eido CTEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e atraer vocacións científicas a el, principalmente entre as nenas e rapazas. No arranque da feira, a profesora Alma Gómez, coordinadora da actividade xunto a Julia Carballo e Nieves Lorenzo, destacou a “grande implicación” de investigadoras e investigadores do campus nesta iniciativa e o seu compromiso cos obxectivos de eXXperimenta en Feminino.

Xurdida en 2018, a actividade organízase co gallo do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Durante o encontro as e os visitantes puideron defrutar de actividades científicas de carácter visual e manipulativo nas que se expuxeron aspectos relacionados coa investigación realizada nas diferentes áreas CTEM do campus. A través de diferentes experimentos, ao longo do seu percorrido rapaces a rapazas e familias puideron ver os microorganismos da auga, descubrir o valor da biomasa, crear un arco da vella e coñecer como se forman as nubes e os tornados, ademais da loita contra a vespa velutina. Tamén tiveron a oportunidade de ver unha simulación nun túnel de vento, crear pequenos videoxogos, aprender primeiros auxilios e coñecer desde como os residuos poden ter unha segunda vida ata a beleza e o poder das enzimas. Outras actividades permitiron ver a recreación do afundimento e explosión do buque Casón, participar nun ‘escape room’ para aprender os conceptos de refinería e de biorefinería e participar nun obradoiro práctico sobre etiquetado alimentario, familiarizándose na identificación do contido en azucres, graxas, sal e estimulantes que se agocha en alimentos procesados como bebidas enerxéticas ou lambetadas.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI