Persoal investigador do CIM colaborou no mural realizado polo artista Delio Rodríguez sobre a observación oceánica no Real Club Náutico
A Universidade e a Autoridade Portuaria de Vigo unirán as súas capacidades e recursos para promover a cultura oceánica entre toda a sociedade mediante a fusión da arte urbana e a ciencia. Así se recolle no convenio de colaboración asinado polo reitor da Universidade, Manuel Reigosa e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que senta as bases e articula a colaboración de ambas institucións para a realización conxunta da terceira edición do programa Scientists Meet Artists, unha iniciativa impulsada e liderada pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar, creada como un lugar de encontro e diálogo ciencia e arte.
Reigosa e Botana, acompañados polo director do Campus do Mar, Daniel Rey; o presidente do Real Club Náutico de Vigo, José Antonio Portela, e a directora da Autoridade Portuaria de Vigo, Beatriz Colunga, presentaron aos medios de comunicación un dos primeiros froitos desta colaboración, o mural elaborado polo artista urbano Delio Rodríguez nun lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo.
A obra é froito da súa colaboración creativa co persoal investigador do Centro de Investigación Mariña, que achegou a este proxecto a súa ampla experiencia en oceanografía e observación oceánica, o que permitiu que Rodríguez reflectise no mural “unha imaxe bastante científica do que é o mar, non baleas e peixes nadando”. Situado nun lugar con moita visibilidade e tránsito, o artista agarda que sexa apreciado pola cidadanía, que o poidan desfrutar e se informen, tanto a través do panel informativo como do código QR no que se pode acceder a unha fotomontaxe do mural con puntos interactivos con información complementaria que axudan á súa interpretación.
Scientists Meet Artists como marco de actuación
A colaboración entre UVigo e APV artellarase arredor do programa Scientists Meet Artists, cuxa primeira edición tivo lugar en 2021, e que pretende establecer unha colaboración entre investigadores do Campus do Mar e do Centro de Investigación da Mariña da Universidade de Vigo, e ilustradores que desenvolven o seu traballo en España e Portugal. As ilustracións creadas reflicten a visión compartida entre o persoal investigador e artístico, sen perder o rigor científico e co foco na difusión da cultura oceánica e na creación de recursos educativos para a cidadanía e, en particular, para as comunidades docentes de primaria e secundaria. Estas ilustracións agora cambian de soporte, facendo máis atractiva esta iniciativa para a cidadanía e aumentando o seu impacto e visibilidade, ao tempo que se mellora a interacción entre o porto e a cidade.
O mural foi elaborado ao longo das últimas semanas no lateral do edificio do Real Club Náutico de Vigo polo artista Delio Rodríguez, unha obra de arte urbana sobre a observación do océano que visualiza e difunde aspectos relacionados co mundo mariño.
Como se recolle no panel explicativo que acompaña á obra, “coñecer e comprender a influencia do océano en nós, e a nosa influencia no océano é crucial para vivir e actuar de forma sostible”. Así, o mural representa, como detallaba Daniel Rey, a variedade de técnicas, métodos e datos que o persoal investigador emprega para “recoller esta información sobre os nosos mares e océanos” e na pintura están representadas as catro esferas de observación fundamentais en oceanografía: a litosfera, a hidrosfera, co seu contido biolóxico, que é a biosfera, a atmosfera e a exosfera. É que como se explica no panel informativo “só entendendo a complexa interconexión destes elementos podemos avanzar significativamente no coñecemento e coidado dos océanos e o seu impacto no medio ambiente global”. Neste sentido, o director do CIM e do Campus do Mar lembrou que “moita desta información que se obtén permítenos observar o cambio climático e facer modelos preditivos para asesorar ás organizacións e gobernos e que estean ben informados para facer políticas tanto paliativas como de cambios na xestión de recursos”.
Fonte: DUVI