Os científicos Jesús S. Troncoso e Juan Moreira ‘repiten’ as súas teses tras 20 e 30 anos, respectivamente

Troncoso Moreira

Juan Moreira é profesor na Universidade Autónoma de Madrid, pero hai 20 anos realizou na Universidade de Vigo a súa tese de doutoramento, un estudo sobre a fauna da enseada de Baiona. Jesús Souza Troncoso, na actualidade director da ECIMAT, desenvolveu hai 30 anos a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago sobre a fauna da ría de Ares. Agora, 20 e 30 anos despois respectivamente, ambos puxeron en marcha unha iniciativa pioneira, repetir os seus estudos para comparar os resultados e constatar así a saúde destes dous lugares co fin de detectar os posibles cambios na fauna mariña.

No caso do investigador Juan Moreira, repetiránse as mostraxes e os estudos da súa tese doutoral, postos en marcha en 1995 na ría de Baiona. O actual director da ECIMAT arrancou nesa época un proxecto na Universidade de Vigo para estudar a distribución dos invertebrados desa mesma ría. Moreira involucrouse neste proxecto e encargouse da parte de identificación das especies obtendo como resultado o descubrimento de sete novas especies de invertebrados mariños da enseada de Baiona. “Foi unha sorpresa”, recoñece Moreira, “porque tendemos a pensar que nas zona costeira temos todo catalogado, e non é así, hai cousas que se nos escapan, ou ben porque son crípticas ou ben porque se parecen a especies coñecidas”. O investigador explica que agora, coas análises actuais, non agarda obter resultados semellantes, “xa que hai 20 anos, esta zona estaba escasamente estudada”. Nesta nova etapa empréganse os mesmos puntos de mostraxes, a mesma metodoloxía e participan os mesmos investigadores, aínda que a Moreira e Troncoso únense os investigadores Marcos Rubal e Puri Veiga.

As mostraxes na Ría de Baiona comezaron en xullo deste ano. Agora comeza o traballo de laboratorio para analizar os substratos (area, fango, etc.) e realizar as análises que teñen que ver coa compoñente física (tamaño do gran, cantidade de materia orgánica, temperatura ou salinidade…) co fin de analizar a composición faunística dos diferentes sustratos. Moreira agarda rematar a fase de extracción en primavera para comezar co proceso de identificación da fauna. Deste xeito, en dous anos terían os datos precisos para comezar a comparar os datos cos de hai 20 anos. Desta volta, os investigadores apostan pola hipótese de partida de que os resultados sexan similares, o que indicaría que non se produciu ningún cambio ambiental importante. No caso de que os resultados amosen diferenzas, Moreira explica que “haberá que identificalas e buscar as causas”. Con todo, teñen no punto de mira un factor que podería ser causante de cambios: a instalación pouco despois do primeiro estudo de varias bateas na marxe norte da enseada. De momento, os resultados máis preliminares non amosan grandes cambios na zona estudada da ría pero, como lembra o investigador, “queda moito por analizar, xa que en cada punto de mostraxe (19 en total) pode haber 70-80 especies de invertebrados de diferentes grupos biolóxicos e diferentes modos de vida”. Outro dato extraído das primeiras análises é a presenza dun gasterópodo asociado ao cultivo de ostras (Crepídula fornicata) da que hai 20 anos só se atoparon dous individuos. “Agora xa constatamos a presenza de exemplares xuvenís, o que implica unha boa saúde da poboación que se reproduce”. O feito de que sexa máis común do que era hai 20 anos é, para os investigadores, un indicio de posibles cambios que terán que estudar co fin de valorar o seu impacto real.

No caso da Ría de Ares, estudiada por Souza Troncoso 30 anos atrás, o estudo terá menos puntos de mostraxe (15 frente a 61) e empregará técnicas de análise diferentes. A súa tese centrábase na cartografía bionómica dos moluscos da ría de Ares e Betanzos. Daquela traballábase con animais vivos que neste caso foran recollidos mediante dragados con arrastres, polo que as mostras eran cualitativas, non cuantitativas. Na actualidade as técnicas son diferentes, pois os métodos de recolección son máis intensivos, xa que as mostras poden ser conservadas, e as técnicas estatísticas son máis potentes, polo que a aproximación será diferente á da década de 1980. A idea do director da Ecimat é comparar, por unha banda, os datos cuantitativos do novo estudo cos resultados obtidos hai 30 anos nun estudo realizado pola USC no que se usou unha draga box corer (que permite recuperar sedimento superficial do fondo mariño) e, por outra, os resultados relativos aos moluscos cos datos extraídos da súa tese. O obxectivo é comprobar se existen cambios tanto na fauna coma nos substratos e estudiar os parámetros físicos (sedimento, salinidade, temperatura, etc.) que poden afectar á distribución da fauna.

O estudo inicial permitiu facer por primeira vez unha cartografía da distribución da fauna na ría de Ares. Do estudos saíron varios traballos, novas citas e novas distribucións da fauna do intermareal. “Publicamos a distribución na ría dos organismos relacionada cos parámetros do sedimento e tamén traballamos, igual que na tese de Moreira, para facer a distribución vertical no interior do sedimento”. Este estudo 30 anos despois cualifícao como “moi importante, porque é unha das primeiras abordaxes que fan despois de tantos anos para substratos brandos e aplicando a mesma metodoloxía e cremos que os resultados serán espectaculares”.

Os investigadores non agardan atopar cambios substanciais na ría de Ares e Betanzos, xa que os sedimentos semellan a priori moi parecidos aos analizados hai 30 anos. Porén, explica Souza Troncoso “queremos detectar cambios na composición faunística e do sedimento comparando as tres partes da ría (interna, media e externa), das que contamos xa con datos a priori”. O principal punto de interese é o porto exterior de Ferrol, xa que diversos estudos teñen constatado o seu impacto na ría de Ferrol, provocando un enfangamento do fondo mariño. Os investigadores buscarán agora comprobar se as correntes mariñas teñen arrastrado ese lodo cara a Ares.