Galicia está situada no límite norte dun dos catro sistemas máis importantes de afloramento costeiro do mundo, sendo coñecida pola súa alta produtividade mariña que ten soportado durante anos unha intensa explotación pesqueira e acuícola. O coñecemento dos fondos mariños das rías é polo tanto de gran interese, tanto dende o punto de vista científico como económico. Neste sentido e durante os últimos anos, as Universidades Galegas, o Instituto Español de Oceanografía de Vigo e o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo ven desenvolvendo un intenso programa de investigación centrado no estudo das rías (recursos, dinámica, sedimentoloxía, etc.). Debido ao particular interese da Ría de Vigo, a segunda Ría máis grande de Galicia, o laboratorio The BITES Lab decidiu implantar en colaboración coa ECIMAT o primeiro observatorio mariño de España na Ría de Vigo.
O obxectivo deste observatorio é ser testigo en primeira liña do cambio que está sufrindo o ecosistema mariño frente as continuas alteracións ambientais. Para tal fin é preciso coñecer a fisionomía e estructura do ecosistema mediante mostraxes continuas no tempo e a creación dunha adecuada e potente base de datos.
The Bites Lab estableceu na Ría de Vigo tres puntos de mostraxe ubicados na costa Norte, que son evaluados cunha frecuencia mensual polos voluntarios recentemenete formados na ECIMAT na técnica Reef life Survey (RLS) www.reeflifesurvey.com. Esta técnica é internacionalmente utilizada pola rede de estudos de biodiversidade e se basa na mostraxe de fondos rochosos superficiais non intrusivos mediante o emprego de técnicas fotográficas usando equipos de mergullo autónomo. Os resultados serán introducidos na base de datos da RLS constituíndo un rexistro a longo prazo da biodiverdidade e estado da nosa Ría.