A Universidade de Vigo, entre as 200 mellores do mundo en Oceanografía

A Universidade de Vigo, entre as 200 mellores do mundo en Oceanografía no ranking de Shangai

Grazas ao labor do Centro de Investigación Mariña (CIM)

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, salienta que a agrupación das científicas e científicos nos centros de investigación potencia o nivel investigador e a captación de talento

A Universidade de Vigo volve un ano máis a estar entre as 600 mellores universidade do mundo. O Academic Ranking of World Universities (ARWU), máis coñecido como ranking de Shangai, sitúa á UVigo no tramo das 501-600 mellores institución académicas, a primeira do Sistema Universitario de Galicia e entre as 14 máis destacadas de España. Un tramo que supera no campo da Oceanografía, no que a UVigo se sitúa entre as 151-200 máis destacadas a nivel mundial.

A vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, destaca o caso do Centro de Investigación Mariña (CIM) como exemplo de que “a agrupación das e dos investigadores nos centros de investigación potencia o nivel investigador e a captación de talento”. “Agardamos que a instalación nos edificios da ETEA do CIM axude a potenciar as sinerxías co CSIC e con outras institucións do ámbito mariño e a continuar medrando”.

O ránking ARWU, liderado este ano polas universidades de Harvard, Stanford e o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, utiliza seis indicadores para clasificar as universidades do mundo, entre os que están o número de investigadoras e investigadores altamente citados seleccionados por Clarivate ou o número de artigos indexados en Web of Science. Ante os bos resultados da UVigo este ano, Belén Rubio apunta que “dous aspectos son clave: a captación de talento e a focalización do talento en centros ou institutos de investigación. Se temos centros relevantes, isto axudará a traer máis talento”.

Fonte: DUVI