O proxecto Glaukos celebra en Vigo a súa reunión anual con investigadoras e investigadores de nove países europeos

O proxecto Glaukos celebra en Vigo a súa reunión anual con investigadoras e investigadores de nove países europeos

Persoal investigador do CIM participa no proxecto deseñando un sistema de análise de materiais para saber se son amigables co medio mariño

Un total de 22 investigadoras e investigadores de nove países europeos participarán na reunión anual do proxecto Glaukos, que se celebra hoxe e mañá no Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia en Vigo. Persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) organiza o encontro no que se presentarán os últimos avances do proxecto que, no marco da convocatoria Horizonte2020 (H2020), busca solucións circulares para a industria téxtil. Concretamente, o laboratorio de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox), liderado por Ricardo Beiras, catedrático do CIM, é o único representante español nesta iniciativa que ten por obxectivo desenvolver fibras e revestimentos téxtiles biodegradables e biorreciclables para as artes de pesca e a roupa.

Dende Ecotox desenvolveron un método más rápido para a valoración mariña a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos no laboratorio e en mesocosmos. A inmensa maioría dos aditivos e recubrimentos ecolóxicos de aparellos de pesca e téxtiles son derivados do petróleo, sendo un dos obxectivos finais do proxecto Glaukos o de producir recubrimentos cun contido de base biolóxica mínimo dun 30%, o que representaría un grande avance neste campo. Para iso, o persoal investigador do CIM deseñou un sistema de análise dos materiais que comprende tres ensaios distintos: test de biodegradación, tests de degradación mecánica e test de ecotoxicidade. Segundo o resultado dos mesmos, poderiamos clasificar un material como amigable ou non co medio mariño. Ademais, estes tests poden extrapolarse a outros plásticos e usarse en diferentes análises de materiais. Desta forma, estase avanzando na estandarización dos métodos para avaliar a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos en medios mariños.

A finalidade última é diminuír drasticamente a contaminación por plásticos do océano, xa que as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas representan aproximadamente o 27% de todo a lixo mariño atopado nos mares europeos, preto de 11.000 toneladas anuais que entran no medio mariño cada ano. Aos restos de redes e outros aparellos súmanse as fibras sintéticas das que está feita gran parte da roupa, que son tamén unha fonte principal de contaminación por microfibra nos ambientes mariños, xa que o uso e o desgaste das prendas fan que as fibras acaben no mar.

Traballando desde 2020

O proxecto, iniciado en 2020 e con catro anos de duración, ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia 4,1 millóns a través da Bio-Based Industries Joint Undertaking (BBI JU), unha entidade público-privada entre o programa H2020 da UE e Bio-based Industries Consortium (BIC). A subvención que lle corresponde á UVigo é de 411.500 euros. O consorcio está coordinado pola entidade belga Bio Base Europe Pilot Plant e del forman parte empresas, asociacións, clústers, centros de investigación e universidades de Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Eslovaquia, España, Suíza, Italia e Turquía.

Fonte: DUVI