Un dos grandes retos globais é a loita contra o cambio climático, que ten entre un dos seus principais efectos a intensificación dos eventos extremos, tanto secas como inundacións. Na súa prevención e afrontamento, a xestión da información para a toma de decisións e para a comunicación coa sociedade ten un papel decisivo. Co obxectivo de avanzar na modernización e eficiencia neste eido, o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo celebrou esta semana no campus de Ourense o congreso FLOODs 2022: Prevención, Resiliencia e Resposta fronte a Eventos Extremos. A cita reuníu a universidades e centros de investigación cos organismos de todas as concas hidrográficas españois e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.
O congreso estivo organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory, Ephyslab, do CIM, co apoio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e reuniu a máis de 60 especialistas. O congreso, explicaron os seus coordinadores, parte da idea de que, ante o impacto que pode ter en perdas humanas e materiais a intensificación das inundacións, é necesario “un continuo desenvolvemento dos procesos de modelización que permitan prever a posibilidade de inundacións con anterioridade, o que redundará nun mellor e máis eficiente protocolo de actuación e mitigación”. Esta tarefa, indicaron desde Ephyslab, ten unha importante compoñente científica ligada ao desenvolvemento de ferramentas eficientes, xunto cunha compoñente de transferencia do coñecemento ás entidades responsables de tomar as medidas de prevención e/ou paliativas, como as confederacións hidrográficas.
Neste marco de traballo, o principal obxectivo do congreso, “foi crear un foro no que científicos e responsables na toma de decisións intercambiasen ideas que permitan elaborar ferramentas e protocolos de actuación fronte a eventos extremos”, apuntou Moncho Gómez Gesteira, investigador do CIM, quen recalcou que “quixemos xuntar persoal das confederacións, que ao final son os que teñen que aplicar os plans de alerta e os modelos, e desenvolvedores de modelos, como IBER; a parte de investigación e de futuro coa parte de xestión/aplicación do día a día, e poder así ver posibilidades de mellora”.
Ao longo dos dous días de congreso interviñeron dunha banda as autoridades responsables da maior parte das concas hidrográficas da península, como Augas de Galicia, presentando o estado de evolución dos seus respectivos sistemas de alerta, e doutra banda, un grupo de científicos pertencentes as Universidades de Vigo (Ephyslab), A Coruña (GEAMA) e a Politécnica de Catalunya (Institut Flumen) e de centros como CEDEX, quenes amosaron os últimos avances da ferramenta IBER, un programa de modelaxe numérica de auga en dúas dimensións que se ten convertido nun modelo de referencia en España e en moitos países de Latinoamérica, sendo empregado por empresas, administracións públicas e investigadores para a avaliación e xestión do risco de inundación.
Ademais investigadoras e investigadores do CIM falaron do sistema de alerta temperá Midas desenvolvido polo Ephyslab e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil no marco do Proxecto RISC Miño-Limia, quenes realizaron unha análise de inundacións históricas, abordaron a aplicación de técnicas de intelixencia artificial á predicción de caudais en embalses, e ofreceron unha avaliación multi-escala do risco de inundación baixo proxeccións climáticas. Tamén participou o Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas, que expuxo a experiencia do CEDEX no estudo hidrodinámico de avenidas coa ferramenta de supercomputación Riber.
Ler a nova completa no DUVI.