Investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM-UVigo, acaban de publicar na revista científica Animals un artigo no que resaltan a importancia de integrar a información xenética na xestión dos stocks de pescada, unha investigación levada a cabo dentro do grupo de Recursos Xenéticos Mariños (ReXenMar) e que se basea nunha investigación realizada durante o período 2015-2020 a bordo de diferentes buques, tanto comerciais como de investigación, e que incluíu a mostraxe das cinco rexións principais nas que se distribúe a pescada europea (Merluccius merluccius).
O artigo leva por título EST-Microsatellite Types and Structural Scenarios in European Hake Fisheries e é froito do traballo conxunto dos investigadores Pablo Presa, Alfonso Pita e María Fernández Míguez, membros do Grupo de Recursos Xenéticos Mariño, ReXenMar. “Neste estudo demostramos o coñecemento que se pode obter de diferentes tipos de marcadores xenéticos, cada un dos cales é adecuado para distintos obxectivos”, explican os autores. O primeiro tipo de marcadores chámanse direccionais e, segundo indican, pénsase que están a medir a presión da selección natural, non obstante, demostraron que a súa variación é compatible con presións de selección antiga e episodios de deriva extrema, polo que non miden a adaptación actual das pesqueiras”. “A novidade evolutiva, e por tanto xeradora de potencial adaptativo das poboacións, detéctase con marcadores balanceados, que ata o de agora non foron obxecto de atención nos estudos aplicados”, recalcan os investigadores, quen, en terceiro lugar, sinalan que a detección de dinámica demográfica de relevancia xenética para a xestión pesqueira debe valorarse con marcadores neutros, “é dicir, os que poden medir sen restricións funcionais a estrutura actual e a conectividade entre caladoiros”.
Defenden que a pescada europea forma unha metapoboación de dous stocks xeográficos
Dentro dos resultados da investigación expostos no artigo, os seus autores destacan o feito de que “os marcadores direccionais son inútiles no mellor dos casos e enganosos no peor para a delineación de stocks pesqueiros e a súa xestión demográfica, debido ao seu nesgo selectivo”. Os resultados observados con marcadores direccionais e neutros, demostran que a pescada europea forma unha metapoboación de dous stocks xeográficos con conectividade restrinxida na fronte oceanográfica Almería–Orán, cada un dos cales responde a unha subestrutura de illamento por distancia, sendo por exemplo a pescada do Mar do Norte a que está máis lonxe do resto do Atlántico, tanto xeográfica como xeneticamente”. Estes resultados veñen a combater outros estudos panseleccionistas recentes, baseados na selección natural, que defenden a existencia de sete stocks de pescada xeneticamente diferenciados, catro no Atlántico e outros tres no Mediterráneo. O coñecemento do número e distribución de stocks pesqueiros dunha especie é vital para a súa xestión, pois os plans teñen que atender a dinámica de cada un deles.
Fonte: DUVI