O fuel do Prestige continúa a chegar ás praias da Coste da Morte

fuel-prestige-tny

O petroleiro Prestige afundiu o 19 de novembro de 2002 fronte á Costa da Morte con 77.000 toneladas de fuel abordo, provocando a maior catástrofe ecolóxica da historia de España. Agora, cando xa a marea negra se esvaeceu, os programas de seguimento e limpeza da costa se extinguen e o interese por unha análise continuada do impacto a nivel ecolóxico comeza a disiparse un grupo de investigadores liderados pola investigadora da Agrupación Océano-ECIMAT, Ana Bernabeu, acaba de publicar un estudo no que se demostra que o chapapote segue a chegar ás praias das zonas máis afectadas movido pola forza das ondas.

O traballo, publicado pola revista especializada Journal of Hazardous Materials, recolle os resultados das campañas de seguimento anuais levadas a cabo por estes investigadores desde 2004 ata 2011 en dúas das praias máis afectadas polo vertido: Nemiña en Muxía e O Rostro en Fisterra. “Durante todo este tempo realizamos visitas ás praias unha ou dúas veces ao ano en períodos de entre un a tres días e sempre atopamos galletas na zona intermareal da praia de O Rostro e, na maioría das campañas, tamén na praia de Nemiña, polo que non cabe dúbida de que se trata dun fenómeno persistente”, subliña Ana Bernabeu, que explica que no traballo que agora se publica participaron investigadores do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo, o GLADYS da Universidade de Montpellier e o grupo de Química Ambiental do Consello Superior de Investigacións Científicas.

 

O programa de avaliación e limpeza podería resultar ‘barato’
As múltiples evidencias de que se trata de eventos recorrentes de baixa concentración de fuel, pero persistentes no tempo fai, a xuízo dos investigadores, necesario deseñar un protocolo de actuación que, tendo en conta o limitado volume de fuel que alcanza a costa, así como a localización concreta do mesmo controlada polas ondas, “non debería supor un grande esforzo, nin en recursos humanos nin tampouco económicos”, apunta Bernabeu, ao que engade que os beneficios alcanzados por este programa de avaliación e limpeza poderían ser significativos ao retirar o fuel do medio mariño.

 

Se ben na actualidade non se dispón de cifras en canto ao volume total que poden supor estes eventos, nin se coñece con certeza o destino final destes restos de petróleo e, polo de agora, a avaliación dos riscos da contaminación potencial aínda non se levou a cabo; os investigadores si amosan a súa preocupación porque estes derrames, pequenos en volume pero recorrentes a longo prazo, poidan constituír unha fonte importante de contaminación no océano.

 

As ondas son o principal axente transportador
Os resultados dos estudos non deixan dúbida de que as ondas son o principal axente transportador de fuel polo que os investigadores son contundentes á hora de defender que cunha análise exhaustiva das condicións da ondada na costa, empregando modelos numéricos, poderían establecerse ás áreas susceptibles de recibir esta contaminación.

 

O seguimento anual realizado desde 2004 permitiulles comprobar unha maior e máis directa incidencia da ondada na praia do Rostro, onde sempre apareceu fuel, mentres que en Nemiña, un lugar máis protexido das ondas, só presentaba presenza de chapapote cando nas semanas previas houbera temporal do suroeste, dirección respecto da que se atopa moi exposta. “Ademais na praia de Nemiña a acción das ondas concéntrase sobre todo no tercio norte da praia e é aí onde aparece o fuel”, engade Bernabeu.

 

Numerosas colaboracións nacionais e internacionais
Desde que se puxeron en marcha as campañas de seguimento en 2004 foron moitos os investigadores e entidades participantes. A nivel nacional participaron o grupo de Química Ambiental do profesor Joán Albaigés (CSIC) e o Instituto de Hidraúlica de Cantabria dirixido polo profesor Raúl Medina. A nivel internacional, o grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da Universidade de Vigo coordinou tamén un proxecto europeo xunto coa Universidade de Montpellier-2 co profesor Frederic Bouchette ao fronte, e os grupos CIIMAR e ICBAS da Universidade de Oporto coas investigadoras Marisa Almeida e Ana Paula Mucha á cabeza.

Fonte: Diario da Universidade de Vigo (DUVI)