O proxecto europeo Marenet lanza o programa de Emprendemento Azul 2021

Etiquetas

O consorcio do proxecto MarENet (Atlantic Maritime Ecosystem Network), liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo a través de Campus do Mar, acaba de lanzar o Programa de Emprendemento Azul 2021, que ten por obxectivo promover ideas de negocio sostibles no sector da Economía Azul.

Cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) da Comisión Europea e intimamente ligado á estratexia de Crecemento Azul do Porto de Vigo, MarENet ten por obxectivo fortalecer a cooperación entre as institucións académicas e as empresas do ámbito mariño para mellorar a visibilidade das oportunidades de formación e profesionais no sector da Economía Azul. O consorcio MarENet, formado por diferentes entidades nacionais e europeas entre elas a Autoridade Portuaria de Vigo, a Asociación Agrupación industrial do Naval de Galicia ( ACLUNAGA), o Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa ( ICSEM), a Munster Technological University ( MTU, Irlanda) e o Marine Institute- Irish Maritime Development Office ( IMDO, Irlanda), a Universidade da Rochelle (Francia) e a Confederación Española de Pesca ( CEPESCA), seleccionará unha trintena de emprendedores con potenciais ideas de negocio relacionados co medio mariño para formar parte do programa de emprendemento azul.

Este programa de formación e mentoría para o emprendemento terá unha duración aproximada de 9 meses -desde febreiro ata outubro- e pretende fortalecer os coñecementos e as habilidades dos emprendedores, así como proporcionarlles as ferramentas necesarias para converter as súas ideas de negocio en potenciais proxectos reais. A través deste programa, o emprendedor terá acceso a un plan de formación en liña que lle permitirá mellorar as súas habilidades emprendedoras e de negocio, así como ampliar os seus coñecementos en economía azul, interactuar con emprendedores reais e coñecer de primeira man a súa experiencia no mundo empresarial.

Ademais, os participantes terán a posibilidade de crear o seu plan de negocio real con axuda dun equipo de especialistas e defender o seu proxecto #ante o Comité de Avaliación, o cal seleccionará 15 propostas para participar no BLUE HACKATHON en Cork (Irlanda). Este evento, que terá lugar aproximadamente no mes de xuño (suxeito a cambios debido á situación actual de crise sanitaria) brindará aos participantes a oportunidade de interactuar e estreitar lazos coa industria, institucións académicas e de investigación, confederacións, asociacións, así como outras entidades públicas relacionadas co medio mariño de España, Francia e Irlanda.

Finalmente, o programa de emprendemento asesorará ás tres mellores propostas de negocio na procura de vías de financiamiento, convocatorias públicas e creación de sinerxias con potenciais entidades privadas e públicas do seu sector para poder poñer en práctica os seus plans de negocios.

Como participar:

Desde o consorcio MarENet anímase a todo aquel que teña unha idea que responda a algúns dos retos do medio mariño a participar e inscribirse neste programa de emprendemento azul co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dunha economía azul sostible e innovadora.

Para obter máis información sobre o programa e como participar, o folleto está dispoñible para a súa descarga na seguinte ligazón: http://www.marenet.org/home/index. php/ blue- entrepreneurship- programme-2021- open- call- for- proposals/

Para inscribirse no programa, soamente hai que cubrir o formulario en liña, dispoñible na seguinte ligazón: https:// forms. gle/ utco5 zSEZvxZLMrk8.

Inscricións abertas ata o 28 de febreiro.

Ver noticia completa en Campus do Mar

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.