Publicada na revista ‘Diversity’, está elaborada por paleontólogos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e da Fundación Dinópolis
Un equipo de paleontólogos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis acaban de publicar na revista científica Diversity novos avances que permiten perfilar como era o ecosistema no que vivían os dinosauros no Cretácico no que hoxe é a provincia de Teruel durante un intervalo duns 25 millóns de anos.
A investigación paleobotánica analizou numerosos restos de follas atopados en cinco xacementos da provincia de Teruel, algunhas delas de grandes dimensións, correspondentes ao xénero Desmiophyllum, que pertence ao grupo das ximnospermas. Dos datos obtidos despréndese que esta planta estivo amplamente repartida por diferentes ambientes nos que tamén vivían dinosauros herbívoros no Cretácico.
O estudo está asinado por José B. Diez, do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da UVigo e investigador do CIM-UVigo e por Luis M. Sender, Josué García-Cobeña e Alberto Cobos, da Fundación Conjunto Paleontológico de Teruel-Dinópolis/Museo Aragonés de Paleontología.
Segundo Bienvenido Díez, a relevancia deste traballo radica en que achega novos datos paleobotánicos que “nos permiten unha visión integral do rexistro fósil atopado neste tipo de xacementos famosos polo achado de restos de dinosauros. Os restos de plantas descritos conxuntamente con outros datos previos xa publicados estanos permitindo ter unha mellor comprensión xeral das condicións paleoambientais destes afloramentos”.
Unha planta presente nas costas cretácicas do antigo mar de Tethys
O investigador Bienvenido Diez explica que a Universidade de Vigo leva arredor de 25 anos colaborando coa Fundación Dinópolis na reconstrución dos paleoecosistemas de diferentes xacementos de dinosauros. En concreto, no que se refire a este novo artigo publicado, o material foi escavado hai unha década en varios xacementos de Teruel (Estercuel, Plou, Utrillas, Galve e Mosqueruela).
Fonte: DUVI