Coñeceu as instalacións da ECIMAT e o B/O CIM UVIGO. Desde 2016, o CIM recibiu 5 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia para a consolidación de estruturas de investigación punteiras en Galicia
A Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, infraestrutura principal do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, acolleu esta mañá a visita dunha delegación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, encabezada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, Irene Bonome; a xefa do Servizo de Planificación e Estruturación da Investigación, Mercedes Vázquez; e Javier Salado, o xefe de servizo de Xestión Científico-Tecnolóxica.
A comitiva foi recibida polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio; a secretaria xeral da Universidade, Mª José Bravo Bosch; a directora da Área de Investigación, Ana Bernabeu; o director do CIM, Daniel Rey; o subdirector do centro, Ramón Gesteira; e o director da ECIMAT, José Manuel García.
Durante a visita, o persoal investigador e técnico do CIM presentou as fortalezas do centro nas súas catro áreas prioritarias de impacto: acuicultura sostible, dixitalización mariña, biodiversidade e adaptación ao cambio climático, e sostibilidade oceánica. En particular, o director do CIM destacou “as capacidades do centro en biotecnoloxía mariña, tanto desde unha perspectiva básica como aplicada, cunha forte especialización en acuicultura alimentada e non alimentada, abarcando desde a nutrición e o benestar das especies ata a reprodución, xenética, inmunoloxía e criopreservación”. “Estes coñecementos transfírense activamente ao sector produtivo galego mediante servizos prestados desde a ECIMAT, incluíndo ensaios na batea experimental e instalacións específicas de cultivo”, engadiu.
Ademais, púxose en valor a aposta estratéxica do CIM pola dixitalización e a xestión de open data, con plataformas que permiten a monitorización automatizada do medio mariño mediante sensores instalados en infraestruturas como a batea experimental da ría de Aldán ou o buque oceanográfico CIM UVigo, integrando sistemas de transmisión de datos en tempo real. Daniel Rey afirmou que “estes recursos sitúan ao CIM como actor clave na creación do Digital Twin de Galicia e no desenvolvemento de sistemas intelixentes de alerta temperá, aplicando modelización ambiental e intelixencia artificial”.
No ámbito da adaptación ao cambio climático, púxose en valor a investigación centrada na resposta de ecosistemas e comunidades mariñas ante fenómenos extremos e tendencias a longo prazo. Neste marco, o CIM está a desenvolver proxectos innovadores de rewilding mariño e solucións baseadas na natureza (Nature-Based Solutions, NBS), como alternativas para a restauración ecolóxica e a mellora do estado ambiental das costas galegas.
Tamén se subliñaron as contribucións do CIM á conservación e xestión sostible do medio mariño, a través de liñas de traballo consolidadas en cartografía de hábitats, modelado ambiental e apoio á implantación de enerxías renovables mariñas, un ámbito no que o centro participa activamente no asesoramento e no desenvolvemento de ferramentas que faciliten a toma de decisións baseada en coñecemento científico.
Investigación mariña desde Galicia para o mundo
A ECIMAT, infraestrutura onde se desenvolveu a visita, está recoñecida como Centro de Apoio á Investigación (CAI)da Universidade de Vigo e forma parte da infraestrutura europea EMBRC-ERIC (European Marine Biological Resource Centre). O director do CIM recoñeceu que “esta integración converte ao centro nun referente internacional, que fomenta a interacción e mobilidade de persoal investigador a nivel europeo e internacional, reforzando a proxección global da investigación mariña desenvolvida desde Galicia”.
O encontro tivo como obxectivo fortalecer a colaboración institucional entre a Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, un dos principais financiadores do centro, recoñecido como centro de investigación de excelencia no marco da Rede CIGUS. O director do CIM trasladou á Xunta a vontade do centro de “consolidarse como un nodo estruturante da investigación mariña en Galicia, cun modelo baseado na colaboración interdisciplinar, a internacionalización, a captación de talento, a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo e unha visión sostible e conectada coa sociedade”.
Tras o encontro, a comitiva desprazouse aos estaleiros Rodman, en Meira, onde tivo a oportunidade de coñecer os equipamentos instalados no buque oceanográfico CIM UVigo, o primeiro buque comercial híbrido de España. A visita permitiu coñecer o avance das tarefas de dotación científica desta infraestrutura estratéxica, na que a contribución da Xunta está sendo clave para equipalo con capacidades de observación e prospección mariña state-of-the-art, posicionando a Galicia no mapa da investigación oceanográfica internacional.
Durante a visita o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, resaltou que “para nós é unha grande oportunidade que a Secretaría Xeral de Universidades visite o CIM, un centro Cigus, o mellor centro de investigación en temas mariños co que contamos na comunidade autónoma e que eu agardo que sexa o cerne de algo aínda máis potente no futuro”, ao que engadiu que “hai moitas capacidades a desenvolver aquí e agardamos conseguir as axudas necesarias para elevalo a un nivel aínda maior, o que agardo poida facerse realidade na ETEA”.
Pola súa banda, o secretario xeral, José Alberto Díez de Castro, destacou, ao igual que xa fixera na súa visita aos outros centros Cigus da UVigo, “a modernización das instalacións e o “gran nivel” dun persoal investigador que está metido de cheo en grandes proxectos, así como na súa inserción en redes internacionais, “o que é moi positivo non só para a Universidade de Vigo, senón para toda Galicia”. Neste senso, Díez de Castro confirmou que desde a Secretaría Xeral de Universidades se tratará de seguir apoiando os investimentos máis importantes, xa que, tal e como destacou “o CIM é un dos centros máis vinculados co sector económico galego, no en van, a pesca e o marisqueo forman parte da propia identidade de Galicia”.
Fonte: DUVI