Será a escavación de maior extensión nun xacemento deste tipo que existe en Galicia ata o momento. O persoal investigador actuará durante 12 meses nos restos do poboado neolítico do Coto dos Mosquito
Durante o proceso de construción do complexo deportivo Afouteza que o RC Celta ten en Mos localizáronse restos dun poboado neolítico da Idade do Bronce, un xacemento que os investigadores presumen que se pode estender por unha zona moito máis ampla. Para poder avaliar tanto a súa extensión como as súas características, antes de que arranquen as obras de ampliación para o que será o Galicia Sports 360, un equipo de investigadores da Universidade de Vigo desenvolverá unha campaña arqueolóxica no xacemento Coto dos Mosquitos.
Esta actuación é posible grazas a un contrato de investigación asinado a pasada semana polo reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a presidenta do RC Celta, Marián Mouriño, que implica a especialistas do MapasLab, un grupo de investigación do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo de carácter transversal e multidisciplinar. Os traballos arrancarán a vindeira semana e desenvolverase durante os vindeiros 12 meses co obxectivo de avanzar no coñecemento e catalogación dos restos arqueolóxicos deste asentamento, no que será a “escavación en maior extensión dun xacemento deste tipo que existe en Galicia ata o momento”, en palabras do arqueólogo Eduardo Méndez.
Un xacemento en estudo dende 2019 do que xa se recuperaron 4000 pezas
O persoal investigador da UVigo leva traballando nesta zona dende 2019, primeiro ofrecendo asesoramento científico á empresa encargada do estudo arqueolóxico e xa en 2024 cunha campaña propia. Neste tempo atopáronse e catalogáronse máis de 4000 pezas, principalmente cerámicas, que serán depositadas no Museo Provincial de Pontevedra e os resultados dos traballos foron publicados nestes anos en diferentes eventos académicos e en publicacións escritas.
Traballos a realizar
O persoal da UVigo encargarase da escavación manual en área do xacemento de Coto dos Mosquitos, así como do rexistro das evidencias arqueolóxicas identificadas e calquera outro procedemento arqueolóxico relacionado con este tipo de actividade. Tamén realizarán o control arqueolóxico de todos os movementos de terras dentro do ámbito de actuación e a análise e interpretación da información obtida e dos materiais arqueolóxicos recuperados, incluíndo a realización de análises radiocarbónicas e/ou estudos arqueobotánicos, de existir materias susceptibles de analizarse mediante estas técnicas. Unha vez remate o proceso, tamén elaborarán unha proposta museolóxica de contidos expositivos para a súa inclusión nas instalacións do RC Celta, onde se recollan os resultados acadados nesta actuación e en fases previas.
Ademais, tamén se publicará e dará difusión aos principais resultados acadados nestes traballos e nas etapas de investigación anteriores, tanto en revistas científicas especializadas como nunha monografía detallada sobre o xacemento.
Un equipo de máis de 40 persoas
Para a realización dos traballos arqueolóxicos, estudo de materiais, redacción de informes, publicación de resultados e proposta museolóxica será necesario a participación de persoal investigador da UVigo con diferentes roles, tanto do MapasLab como do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio, GEAAT, así como persoal doutros centros galegos de investigación como o Incipit, CSIC. Asemade, dado a natureza do proxecto será necesaria a contratación por parte da UVigo de persoal técnico específico con diferentes perfís, dende estudantes e titulados en Historia ata auxiliares con formación e experiencia contrastada no traballo sobre xacementos arqueolóxicos deste tipo. En total, un equipo formado por máis de 40 persoas.
Fonte: DUVI