O CIM financia dous proxectos innovadores de alto impacto liderados por investigadores posdoutorais

O CIM financia dous proxectos innovadores de alto impacto liderados por investigadores posdoutorais
Diego Fernández e Marisela Des coordinan o proxecto Salmar

A convocatoria CIM-Posdou promove a excelencia científica e o talento emerxente do persoal novo

O Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso coa excelencia científica e a proxección do seu persoal investigador coa posta en marcha dunha nova liña de financiamento: CIM-PosDou 2025. Esta iniciativa ten como obxectivo que as e os científicos posdoutorais lideren proxectos innovadores de alto impacto, promovendo a creatividade, a excelencia e a xeración de coñecemento fronte aos retos actuais dos océanos e dos ecosistemas mariños.

Nesta primeira edición, a convocatoria buscada proxectos de investigación relacionados coa acuicultura e o marisqueo, a contaminación mariña, as enerxías renovables mariñas ou o impacto do cambio climático. De entre todos os proxectos presentados, o xurado seleccionou dous, que recibirán unha dotación económica de 15.000 €, destinada a cubrir os gastos como recursos materiais e humanos necesarios para acadar os obxectivos propostos.

Os proxectos seleccionados están liderados polos investigadores do CIM Marisela Des e Diego Fernández, por un lado, e Andreu Blanco e Iria García, por outro, e abranguen áreas estratéxicas clave do centro. O primeiro deles céntrase no impacto dos eventos climáticos extremos sobre o marisqueo na ría de Arousa, mentres que o segundo avalía as consecuencias das actividades marisqueiras na biodiversidade.

“Un paso máis cara a consolidación dunha contorna de investigación de vangarda”

Segundo o director do CIM-UVigo, Daniel Rey, “con esta convocatoria damos un paso máis cara a consolidación dunha contorna de investigación de vangarda, orientada non só ao avance do coñecemento a nivel nacional e internacional, senón tamén á xeración de solucións prácticas que impacten positivamente na sociedade e no sector mariño-produtivo de Galicia. Ademais, consideramos que a consolidación da carreira investigadora dos mozos e mozas científicas é clave para garantir o liderado do CIM na investigación mariña de primeiro nivel”.

Por outra banda, en liña cos seus principios de equidade e sustentabilidade na investigación, CIM-PosDou tamén promove a igualdade de xénero e o traballo en rede como piares fundamentais para a construción dunha comunidade científica sólida e conectada a nivel internacional. O programa tamén busca eliminar barreiras de acceso ao financiamento para investigadores en etapas iniciais, facilitando así a súa estabilización e reforzando a capacidade do CIM para atraer e reter talento altamente cualificado.

Para os investigadores, esta liña de financiamento que lles ofrece CIM Posdou supón unha oportunidade para fortalecer a súa independencia científica, adquirir experiencia en liderado e fomentar o traballo conxunto entre distintos ámbitos de coñecemento. Ademais, resaltan a importancia de poder acceder por primeira vez a un financiamento específico para liderar proxectos, algo fundamental para avanzar na súa consolidación como investigadores principais en futuras convocatorias.

Salmar. O impacto de eventos extremos no marisqueo da ría de Arousa

O proxecto Salmar (Sistema de ALerta para o MARisqueo no contexto de cambio climático), liderado por Marisela Des e Diego Fernández, do grupo EPhysLab (Environmental Physics Laboratory), céntrase no estudo do impacto dos eventos climáticos extremos, como precipitacións intensas e vagas de calor, sobre os bivalvos intermareais da ría de Arousa. O equipo utilizará modelos numéricos avanzados —Iber (bidimensional) e Delft3D-4 (tridimensional)— para analizar os procesos hidrodinámicos e as interaccións entre as capas superficiais e profundas, desenvolvendo ferramentas prácticas para a xestión por parte do sector marisqueiro.

A investigación permitirá prever os efectos do cambio climático sobre os bancos marisqueiros, xerando un sistema de alerta temperá, mapas de risco e solucións interactivas que contribúan á adaptación da actividade marisqueira a un contexto ambiental en constante cambio.

Benthic-Pro. O impacto das actividades marisqueiras na biodiversidade

O segundo proxecto seleccionado é Benthic-Pro, coordinado por Iria García, do grupo Geoma (Xeoloxía Mariña e Ambiental) e Andreu Blanco, do Future Oceans Lab. Ambos investigadores avaliarán o impacto das actividades marisqueiras na biodiversidade e nas redes tróficas mariñas. En particular, estudarán as comunidades de microalgas bentónicas (microorganismos fotosintéticos que habitan no fondo das rías) e a súa contribución como produtores primarios á macrofauna bentónica. A investigación centrarase no efecto da acuicultura do mexillón e doutras prácticas extractivas nas Rías Baixas, xerando información fundamental para orientar políticas de xestión sostible e conservación dos ecosistemas mariños.

A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).

Fonte: DUVI