A pesca artesanal, clave para o futuro do planeta

A pesca artesanal, clave para o futuro do planeta. Foto Haritz Ayarza
A pesca artesanal, clave para o futuro do planeta. Foto Haritz Ayarza

Os investigadores do CIM Elena Ojea e Gonzalo Macho participan no maior estudo internacional realizado sobre este aspecto. A investigación, publicada en Nature, revela a importancia estratéxica destas pesqueiras en ámbitos como a seguridade alimentaria, a igualdade ou o cambio climático

Os investigadores do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo, Elena Ojea e Gonzalo Macho, participaron no maior estudo xamais realizado sobre a pesca artesanal, unha investigación que destaca na portada da prestixiosa revista Nature. Este traballo, no que colaboraron 800 expertos de 58 países, marca un fito ao ser a primeira vez que se recompilan e analizan datos globais deste sector fundamental.

O estudo demostra con datos contundentes que as pesqueiras de menor escala son esenciais para garantir a seguridade alimentaria mundial, a subsistencia de millóns de persoas, a mitigación dos efectos do cambio climático e a promoción da igualdade de xénero. A través desta investigación, cuantifícase por primeira vez a transcendencia global da pesca artesanal e a súa relevancia como motor de sustentabilidade social, económica e ambiental.

O estudo é unha mostra máis do compromiso do CIM co avance científico, posicionando a Universidade de Vigo como un referente internacional no estudo dos ecosistemas mariños e a súa sustentabilidade.

Fonte: La Voz de Galicia